ConcellosO BarcoÚltima hora

Veciños de Veigadecabo (O Barco) amosan o seu malestar polo cambio de ordenación do tráfico neste núcleo

 

Veciños de Veigadecabo (O Barco) veñen de manifestar a súa oposición ao cambio realizado meses atrás polo Concello do Barco na ordenación do tráfico nese núcleo e na rúa das Tres Marías. Aseguran que todos son inconvintes con esa decisión. “Créase un problema onde nunca o houbera con anterioridade, non hai nin un só caso documentado dun choque entre vehículos e nin un só atropelo”, explican os veciños, argumentando ademais que a veciñanza tanto de Veigadecabo como do Castro, O Córrego, Rúa Tres Marías, Pontepombeira, Deputación, Caleras e Tesiño están en contra.

Tamén apuntan quen se incumpre o cambio e que o sinal que prohibe xirar á esquerda “baixando do Castro está practicamente tapado pola maleza. E o Stop saíndo do núcleo de Veigadecabo en dirección a O Castro está nunha rampa do 8% de desnivel e respectándoa non se ven os coches que poden vir de fronte. Os vehículos que antes circulaban con prudencia porque era unha dirección dobre, agora van moi deprisa puidendo ocasionar accidentes graves (tendo en conta que non se respecta habitualmente), puidendo chocar de fronte, ademais non está sinalizado adecuadamente”.

Estes veciños de Veigadecabo tamén consideran que esta situación prexudica aos hostaleiros do Castro e aos turistas e indican que os navegadores habituais “envían a todo o mundo en dirección cara o Cuartel da Garda Civil, atravesando o núcleo de Veigadecabo por dirección prohibida, dificultando a boa xestión do tráfico aos seus innumerables usuarios”.

Por todo isto, os veciños consideran “un auténtico despropósito” esta medida, que cren “ocasionada pola petición dun só veciño”. E din que se a medida “era de proba, xa foi suficiente, non o quere ninguén. E se realmente fose necesario, cun semáforo de proximidade a ambos lados do pequeno núcleo principal de Veigadecabo solucionaríase o problema de maneira moito máis eficiente para toda a poboación do Barco”.

 

Artigos relacionados

Back to top button