EconomíaEconomíaÚltima hora

Verín acolle a terceira edición da Festa da Cervexa os días 13 e 14 outubro

Poderán degustar máis de 20 cervexas nacionais e internacionais, ademais dunha completa selección de produtos gastronómicos galegos e alemáns

Foto: Concello de Verín.

 

Os vindeiros días 13 e 14 de outubro, Verín celebrará a terceira edición da Festa da Cervexa. Será un evento centrado nesta popular bebida que contará con máis de 20 variedades de cervexas nacionais e de importación, e que se complementará con varios stands que mesturarán gastronomía galega e alemá, actuacións musicais de primeiro nivel e animación infantil. Así o confirmaron esta mañá Manuel Lorenzo Feijoó, concelleiro de Feiras e Samanta Barreira Vivián, concelleira de Festexos.

O evento terá lugar na zona verde da Preguiza e contará, como xa é habitual, cunha carpa na que estarán colocados os postos de bebidas e alimentación. O horario da feira será: o venres de 19.00 a 01.00 horas; e o sábado de 12.00 a 16.30 e de 19.30 a 01.30 horas.

Segundo explicou Manuel Lorenzo Feijóo, concelleiro responsable da área de Feiras, serán máis dunha vintena as variedades de cervexa, tanto nacionais como internacionais, as que se poderán degustar nas casetas da festa. «Como cada ano, teremos unha extensa área de expositores onde reuniremos tanto ás principais marcas cervexeiras nacionais como unha destacada representación dos mellores produtos de importación dispoñibles actualmente no mercado».

«En canto á oferta gastronómica», continuou Lorenzo, «instalaranse un total de 10 postos de comida, dúas foodtrucks e unha churreira que ofrecerán aos asistentes produtos tan variados como salchichas, chourizos, hamburguesas, churrasco, empanadiñas e croquetas caseiras, polbo, empanadas, pan artesán, canciños quentes, pizzas, crepes ou tortas, entre outros».

Por outra banda, os máis pequenos da casa contarán con divertidos inchables instalados no exterior da carpa da Preguiza durante as dúas xornadas da feira.

«Ademais», rematou a concelleira de Festexos, Samanta Barreira, «a cita cervexeira contará con animación musical en directo no exterior da carpa». O venres 13, ás 23:30 horas, actuará o grupo “Top Secret”, unha banda de cinco “Superaxentes” da música, ben adestrados, que fan versións “cool todoterreo” (soul, funk, rock, pop…) con estilo propio en cada misión-concerto.

Xa o día 14, tamén ás 23:30 horas, a agrupación musical “Dr. Slump” será a encargada de amenizar a última xornada do evento. Esta banda está formada por catro músicos das máis diversas influencias musicais, que farán un extenso repaso ás gloriosas décadas dos anos 80, 90 e 2000. «Os asistentes ao concerto poderán gozar de dúas horas de música en rigoroso directo, no que darán renda solta aos seus recordos e, por suposto, tamén a súa voz», finalizou Barreira.

Artigos relacionados

Back to top button