CulturaCulturaÚltima hora

Verín acolle o 4º ciclo de cinema galego-portugués Mulleres, patrimonios e sociedade

Todas as proxeccións terán lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura, as 19:00 horas, os días 27, 28 e 29 de outubro

 

Os días 27, 28 e 29 de outubro o Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín acolle o 4º ciclo de cinema galego-portugués Mulleres, patrimonios, sociedade Verín. Neste ano 2022 centrarase no papel das mulleres no mundo da morte e da dor que se ergue cunha forte carga patrimonial e social; un mundo que une moitos territorios do rural galego e portugués, onde presenta características comúns arredor do papel da muller, as crenzas e os ritos, mais tamén algunhas diverxencias. Moitos destes aspectos serán tratados a través dos audiovisuais seleccionados.

Este ciclo de cinema galego-portugués ten como obxectivo promover o intercambio cultural entre Galicia e Portugal. O mesmo estrutúrase en tres xornadas continuas (xoves, venres e sábado) nas que se proxectarán dúas longametraxes, unha portuguesa e unha galega, ou varias curtas tamén galegas e portuguesas, seguidas dun debate no que se contará coa participación das directoras e directores, unha figura representativa dalgunha das institucións organizadoras para conducir o debate e o público protagonista deste ciclo.

 

 

Os filmes que se proxectarán son os seguintes:

  • A menina que vía homes encadeados (Alicia López)
  • Arraigadas á terra (Iris Justo)
  • Santa Baia de Montes (Sabela Souto)
  • Barbas de baleia       (Mariana Bártolo)
  • Agua mole (Alexandra Ramires (Xá) e Laura Gonçalves)
  • Em companhia da morte (Vanesa Vilaverde, João Aveledo e Eduardo Maragoto)
  • Mate (Pedro Noites)
  • Negro púrpura (Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva)

Cabe destacar tamén que entre as cineastas seleccionadas atópanse dúas directoras verinesas: Sabela Souto (Santa Baia de Montes) e Iris Justo (Arraigadas á terra).

As institucións implicadas son o Consello da Cultura Galega; a Universidade do Minho (UMinho); o Centro de Estudos Galegos, o Camões – Instituto da Cooperação e da Língua; o Museo do Pobo Galego a través da Mostra Internacional de Cine Etnográfico e o Concello de Verín.

Todas as sesións comezan ás 19:00 horas. Entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala (75 butacas).

 

Artigos relacionados

Back to top button