
A Corporación de Verín celebraba na mañá deste luns 15 de xuño na Casa da Cultura unha sesión plenaria extraordinaria que incluía, entre outros puntos da orde do día, o sorteo das mesas electorais de cara aos comicios galegos do 12 de xullo.
Nesta ocasión, e coa finalidade de “protexer a saúde pública, evitando as aglomeracións en espazos reducidos”, o Concello de Verín modificaba a ubicación das seguintes mesas electorais:
- Mesas electorais ubicadas na Casa da Xuventude e na Oficina de Turismo/Sala de Exposicións trasládanse ao Pavillón Municipal de Deportes.
- Mesas electorais ubicadas no Salón de Actos do Hospital de Verín trasládanse ao Estadio de Fútbol José Arjiz.
- Mesa electoral de Feces de Abaixo trasládase a antiga escola.
No pleno, tamén se aprobaba por unanimidade a acta da anterior sesión extraordinaria, o presidente, Gerardo Seoane Fidalgo, sometía votación a adxudicación a Caja Rural de Zamora da Operación de Crédito a longo prazo para financiar gastos de investimentos, que foi aprobada por 10 votos (5 PSdeG-PSOE e 5 BNG) a favor e 4 votos en contra do Partido Popular.
Suspensión da taxa por ocupación da vía pública mediante postos
Por outra banda, o pleno tamén aprobou por unanimidade a suspensión do cobro durante o exercicio 2020 da Taxa pola ocupación de vía pública mediante a instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreos de uso público local na parte da taxa correspondente á feiras que se celebran no noso municipio os días 3,11 e 23 de cada mes.