DeportesFútbol salaÚltima hora

Verín recibe á selección española feminina de fútbol sala, campioa de Europa, nun compromiso amigable ante Portugal

 

A Selección Española Absoluta Feminina de fútbol sala volta a Galicia este mes de novembro. O combinado dirixido por Claudia Pons disputará o día 7 de novembro un partido amigable en Verín, logo do acordo ao que a Real Federación Galega de Fútbol chegou co Concello.

O Comité de designación de sedes de partidos da RFEF decidiu que as localidades galegas de Verín (Ourense) e Salvaterra de Miño (Pontevedra) acollerán os días 7 e 8 de novembro os dous encontros amigables entre España e Portugal. Un dobre compromiso entre as dúas grandes potencias do fútbol sala feminino europeo, que volverán verse as caras logo de medirse por última vez na semifinal do Europeo en Debrecen (Hungría).

A celebración destes partidos será posible grazas á estreita colaboración entre a RFEF, a Real Federación Galega de Fútbol e os concellos das dúas localidades elixidas, que xa traballan en todo o necesario para esta gran cita do 40×20 de seleccións nacionais.

O partido que se celebrará na vila do Támega terá lugar o martes 7 de novembro, ás 18:30 horas, podéndose seguir a través de Teledeporte e RTVE Play. A selección española volta así a Galicia case catro anos despois. A última vez que xogou en Galicia fora en decembro de 2019, cando España xogara contra Xapón en Pontevedra e Burela, con vitorias por 8-0 e 4-2.

Este encontro deportivo foi presentado esta mañá no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín contando coa presenza do alcalde de Verín, Gerardo Seoane e do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Diego Lourenzo; ademais da seleccionadora nacional, Claudia Pons; do presidente do Comité Nacional de Fútbol Sala, José Miguel Monje; do presidente do Comité Galego de Fútbol Sala e Pablo Prieto; e do vicepresidente da delegación de Ourense da Xunta de Galicia, José Manuel Fernández.

«É unha honra e un orgullo para Verín ser o anfitrión dun evento deportivo desta magnitude» salientou Gerardo Seoane, «a chegada da Selección Española Absoluta Feminina de fútbol sala a nosa vila demostra o compromiso de Verín co deporte e a nosa capacidade para albergar eventos de nivel internacional». Segundo explicou o rexedor municipal, estes partidos amigables non só fomentan a paixón polo fútbol sala na comunidade, senón que tamén serven como eventos turísticos dinamizadores da contorna.

 

 

Acto colaborativo escolar-deportivo no Pavillón da Granxa

O concelleiro de Deportes, Diego Lourenzo, anunciou tamén que, «ademais deste emocionante partido», o luns 6 de novembro, ás 11:00 horas, levarase a cabo un acto colaborativo escolar-deportivo no Pavillón da Granxa. Neste evento, as xogadoras da selección española, acompañadas polos representantes institucionais municipais, recibirán a máis dun centenar de nenos e nenas procedentes dos centros escolares de Verín. «Os estudantes terán a oportunidade de coñecer de primeira man as súas valiosas experiencias como xogadoras profesionais e achegarlles o apaixonante mundo do fútbol sala á próxima xeración de deportistas da nosa comunidade», finalizou Lourenzo.

Catro galegas na convocatoria

A seleccionadora absoluta de fútbol sala, Clàudia Pons, fixo oficial a convocatoria para os encontros amigables fronte a Portugal que se disputarán os días 7 e 8 de novembro en Verín (Ourense) e Salvaterra de Miño (Pontevedra), respectivamente. Serán os primeiros encontros do combinado nacional absoluto tras proclamarse campión de Europa o pasado mes de marzo.

As xogadoras concentraranse o domingo 5 de novembro e realizarán tres sesións de adestramento en Verín antes dos encontros.

España xogará este dobre amigable en Galicia con catro xogadoras galegas na convocatoria:

Silvia Aguete (MCD Torreblanca Melilla)
Ale de Paz (Poio Pescamar)
Luci Gómez (AE Les Corts UBAE)
Vane Sotelo (Arriva AD Alcorcón)

Fotos: Concello de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button