OurenseÚltima hora

A VI Xornada sobre as deputacións do futuro debate sobre información pública e transparencia

O relatorio tamén versou sobre o equilibro entre a transparencia nas institucións e a protección de datos
Manuel Baltar e Ramón Camp presidiron o acto.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director da Fundación “Democracia e Goberno Local, Ramón Camp, inauguraron hoxe, 9 de xuño no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a “VI Xornada sobre as deputacións do futuro”, na que relatores e máis de cen participantes, entre cargos electros, técnicos da administración local e público en xeral, debateron sobre o dereito á información pública e o equilibro entre transparencia e protección de datos, así como sobre a publicidade activa nos entes locais.

Na xornada, que sitúa a Ourense como referente en transparencia no ámbito local, presentáronse as vangardas no que atinxe a goberno aberto e ás boas prácticas na gobernanza no ámbito da transparencia e na participación cidadá, aspectos no que a Deputación de Ourense ten sido destacada, ocupando o primeiro lugar dos gobernos provinciais de Galicia e entre os primeiros de España en canto a transparencia.

Manuel Baltar destacou “a potencialidade e a utilidade da transparencia, ámbito no que estamos en constante evolución e implementando novos índices, para ofrecer aos cidadáns e aos concellos a máxima facilidade para achegarse á información que ofrece a Deputación de Ourense”. Neste sentido, o presidente do goberno provincial avanzou que se proximamente “incorporaremos a un director en materia de Transparencia, para seguir afondando e potenciando o labor que a institución provincial realiza neste campo”.

Baltar expresou que a transparencia “é unha palabra que figura na axenda política desde fai uns anos e que xa forma parte do ADN da Deputación de Ourense e das esixencias dos cidadáns á hora de compartir información”, e remarcou a alianza que a institución provincial mantén coa Fundación “Democracia e Goberno Local” neste e noutros ámbitos de colaboración e expresou que esta xornada “amosa un labor de vangarda na innovación política e e ofrece un espazo no que contrastar ideas para analizar o funcionamento e o futuro das administracións provinciais”.

Nesa evolución permanente no ámbito da transparencia a Deputación de Ourense será a primeira de Europa en implantar o sistema de “Auditoría Social da Transparencia”, un método que permite avaliar a transparencia na xestión en tempo real, desenvolvido por Dyntra, que permitirá coñecer en cada momento o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito ao acceso á información dos entes obrigados por lei na provincia de Ourense. Ademais, permitirá a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua, nun exercicio único de rendición de contas en España.

Ourense, exemplo de transparencia

O director da Fundación “Democracia e Goberno Local”, Ramón Camp destacou que a Deputación de Ourense “é un exemplo de transparencia, e unha das que máis aporta na Fundación “Democracia e Goberno Local” no seu labor de análise para o futuro dos gobernos locais intermedios”. Camp dixo que a Fundación está integrada por 25 deputacións e dous cabildos insulares, e nela “a Deputación de Ourense ten sempre ten un papel importante, achegando liñas de reflexións que foron útiles para moitas deputacións no conxunto de España”. Ramón Camp explicou que a materia que se debate na xornada “ten cada día máis protagonismo, pois agora os cidadáns poden solicitar calquera información ás administracións públicas sen necesidade de ter ningún interese directo como antes se esixía”.

No relatorio sobre “Publicidade activa nos entes locais”, o profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, Marcos Almeida, abordou as obrigas de publicidade activa no ordenamento local e avaliou a publicidade activa e a responsabilidade patrimonial das administracións locais. De seguido, o director da Oficina de Reclamacións das Administracións Territoriais, Enrique Orduña, falou do “Dereito o acceso á información pública”, explicando como realizar as solicitudes de acceso á información e as causas de inadmisión de acceso á información.

Pola súa banda, a Valedora do Pobo, Milagros Otero, falou do “Compromiso de Galicia coa transparencia” e expuxo os retos legais da transparencia en Galicia, lembrando que a institución do Valedor do Pobo “foi elixida como a máis transparente de todas as defensorías de España”, e tamén se referiu á Deputación de Ourense, destacándoa pola súa transparencia, “polo cal este é o lugar máis adecuado para falar de transparencia”. Finalmente, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Oberta de Catalunya, Agustí Cerrillo, ofreceu un relatorio sobre “O difícil equilibrio entre transparencia na información e protección de datos”.

Artigos relacionados

Back to top button