ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Viana do Bolo aposta pola recuperación de castiñeiros e pastos

O seu alcalde vén de manter unha reunión telemática co conselleiro do Medio Rural na que abordaban esta cuestión e tamén a da anticipación aos lumes forestais

 

O alcalde de Viana do Bolo, Abelardo Carballo e o seu equipo de goberno, vén de manter unha reunión telemática co conselleiro do Medio Rural na que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé.

O encontro serviu para avaliar e coñecer de primeira man as necesidades e demandas relativas ao agro deste municipio ourensán e, máis especificamente, para avanzar en liñas de traballo vinculadas á recuperación e posta en valor de soutos de castiñeiros en situación de desuso ou infrautilización. Así, o rexedor comprometeuse a propoñer zonas de actuación, que se poderían incorporar ao plan de soutos impulsado desde a Consellería.

Na reunión tamén se abordou a posibilidade de integrar as proposicións trasladadas polo Concello en relación cos pastos na planificación específica que está a desenvolver Medio Rural por toda Galicia. Neste sentido, o conselleiro instou ao alcalde a remitir estas propostas para que sexan avaliadas polos técnicos do seu departamento, con vistas a esa posible incorporación ao Plan de pastos.

Todas estas actuacións, relacionadas coa mobilización de terras e, dentro dela, coa potenciación dos soutos e dos pasteiros, estarían vinculadas ao fomento da gandaría extensiva, así como da apicultura, e enmárcanse tamén nos obxectivos do futuro Plan Forestal de Galicia 2021/2040 e da futura Lei de recuperación da terra agraria, actualmente en trámite no Parlamento galego. Respecto desta última, o equipo directivo da Consellería animou ao alcalde a aproveitar as diferentes ferramentas e posibilidades que ofrece este texto legal para dinamizar o agro do seu municipio.

Así mesmo, o Concello de Viana do Bolo confirmou na xuntanza a súa adhesión ao convenio de protección das aldeas, un acordo subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para incentivar e mellorar a xestión da biomasa preto dos núcleos de poboación, co fin de anticiparse aos incendios forestais. Nesa liña, o consistorio incorpórase a unha iniciativa que non tivera en consideración o anterior grupo de goberno, malia ser Viana do Bolo un municipio galego moi afectado polos lumes.

 

Artigos relacionados

Back to top button