ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Viana do Bolo presenta o portal oficial do seu “Entrudio”

Trátase dun novo paso do Concello para facer desta tradición unha Festa de Interese Turístico Nacional

 

É unha porta virtual á tradición do Entrudio vianés. Aos seus rituais, personaxes, ritmos, manifestacións, gastronomía… “A celebración comeza unhas semanas antes das datas centrais do Entrudio, polo que neste mes de febreiro comézase a sentir o desexo de disfrazarse e saír á rúa a divertirse”. Con este texto recibe aos visitantes a nova páxina web oficial e específica sobre o Entrudio de Viana do Bolo, promovida polo Concello e que se presentaba na tarde deste 21 de maio na Casa da Cultura de Viana do Bolo.

A iniciativa, ademais de ser unha aposta promocional por esta anterga celebración, responde ademais ao obxectivo do Concello de Viana de convertela en Festa de Interese Turístico Nacional. “Unha das condicións que establece a lei que saíu no ano 2019 é crear unha páxina web que explique o que é a festa, que teña links aos aloxamentos, á situación (mapa), que explique a historia… Entón con esta nova páxina intentamos facelo e creamos un dominio propio www.entrudiodevianadobolo. Podiamos tela feito a través da web do Concello, pero para nós ten tanta importancia o Entrudio que preferimos darlle unha web propia, con enlaces despois a todas as páxinas que teña o Concello”, explica o alcalde de Viana, Abelardo Carballo.

 

 

O contido da web estruturado en 7 apartados principais: Festa da Androlla, Elementos e Personaxes, Calendario, Historia (con imaxes antigas), links a noticias, aloxamento e galería. “Quixemos facer, con moito cariño, unha páxina sinxela e moi intuitiva, onde aparecen, por exemplo, os tres tipos de Boteiros do municipio, todos os fulións cos toques que teñen (con sons e vídeos)… É algo moi atractivo, e aínda a nosa intenció é seguir completándoa, fáltannos cousas e imos seguir traballando nela, pero o que queríamos era pola en marcha canto antes porque era necesario”, engade o alcalde vianés.

 

 

Na elaboración deste dominio monográfico do Entroido de Viana contouse tamén coa colaboración das asociacións e dos fulións. “Todo omundo colaborou, deu ideas, iso non faltou, e hoxe tamén convidamos a que esas asociacións e folións que teñen páxinas propias, poñan nelas enlaces a esta, para haxa o maior número de entradas, que se xere movemento…”, sinala Abelardo Carballo.

A web está en tres idiomas (galego, castelán e inglés) e inclúe unha serie de enlaces a redes sociais e a outros elementos de referencia como a Festa da Androlla de Viana. “Con todas as aportacións conseguimos facer unha páxina moi atractiva. Á xente que entre por primeira vez, e que non saiba o que é esta tradición, vanlle sorprender moitas cousas”, conclúe o rexedor vianés.

Imaxes cedidas polo Concello de Viana do Bolo.

Artigos relacionados

Back to top button