ConcellosÚltima hora

Viana homenaxea a quen foi o seu veciño, Carlos Casares, con teatro e música

O Concello ten deseñado un amplo conxunto de actividades que se abrirán o 14 de maio cun monólogo de Carlos Blanco na Casa da Cultura

 

Cartel da obra “A galiña azul”, que poderá verse en Viana do Bolo.

 

Entre os días 14 e 30 de maio Viana do Bolo despregará unha variada programación cultural que xirará en torno á figura de Carlos Casares, autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Iniciarase cun monólogo de Carlos Blanco na Casa da Cultura o 14 de maio ás 20h. Ademais o propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio, a praza Maior vianesa será escenario dunha homenaxe a Casares coa lectura e exposición das súas obras. A partires das cinco da tarde, e nese mesmo lugar, desenvolverase unha xornada de xogos populares en familia e os participantes recibirán como agasallo un libro de Carlos Casares.

A música terá asemade un protagonismo de seu nestas datas. Así o 18 de maio ás 20h. haberá un festival da Asociación Cultural Candea de Viana na Casa da Cultura. Sobre ese mesmo escenario cantarán o día 27 de maio (ás 20h.) os membros do Orfeón Vianés nun “Concerto coral das Letras Galegas”, no que estarán acompañados por outras dúas agrupacións: a Coral Polifónica Viladauga (Laias) e a Coral de Baredo (Baiona).

Ademais o día 19 ás 11h. o público vianés terá outra cita literaria. Trátase da conferencia “Carlos Casares no País das Marabillas”, que virá da man do escritor verinés Xosé Carlos Caneiro.

E o broche da programación deseñada polo Concello de Viana para as Letras Galegas deste ano completarase con teatro. Así Ubú Teatro porá en escena na Casa da Cultura da vila o 30 de maio ás 18h. a peza A galiña azul, adaptación do texto escrito por Carlos Casares. Está dirixida a un público familiar e nela a compañía Ubú Teatro recurre a diferentes técnicas que van dende a narración oral ao uso de monicreques ou o clown.

Artigos relacionados

Back to top button