ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Viana suspende as feiras e os actos programados ao aire libre pola situación sanitaria

Imaxe dunha feira anterior en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Mañá, 13 de agosto, non se celebrará a tradicional feira en Viana do Bolo. Ante a actual situación sanitaria, con 6 casos activos de Covid no munipio, o Concello emitía esta semana (o día 9 de agosto) un bando anunciando a suspensión de feiras, mercados e outros actos programados ao aire libre nestes días. O alcalde vianés, Abelardo Carballo, di que a medida de precaución tómase “non podendo garantir as condicións mínimas de distancia e de seguridade necesarias en relación ao aforo en espazos públicos, e co fin de evitar que a actividade económica municipal se vexa abocada a unhas medidas máis restritivas, sobre todo no sector hostaleiro”.

Neste senso, o bando municipal concreta que “a celebración das feiras e mercados no Concello de Viana do Bolo para os vindeiros días 13 e 28 de agosto, queda suspendida ate novo aviso, en tanto non se poden garantir as condicións de seguridade, distanciamento entre postos, aforo, etc. recomendadas polas autoridades sanitarias competentes. Así mesmo quedan suspendidos os eventos programados ao aire libre Festa dos 80 e Mercadillo”.

Nunha nota informativa posterior, emitida o 10 de agosto, o alcalde vianés explica que os datos de 6 positivos no municipio, aportados polo Sergas, “só corresponden con pacientes do Centro de Saúde de Viana do Bolo, polo que non temos datos dos posibles casos que, a pesares de estar en Viana, non teñen médico aquí. Ante esta situación de certo descoñecemento dos casos reais que actualmente existen no noso municipio, dende o Concello queremos ser precavidos e, polo tanto, suspendemos as actividades e actos nos que non se poidan garantir as medidas de protección ditadas pola Xunta de Galicia”. O rexedor tamén lle lembra á veciñanza a “necesidade e obrigatoriedade de manter e respectar as medidas de protección” fronte ao Covid.

Esta decisión de suspender feiras e actos ao aire libre foi criticada dende o BNG de Viana. Así o concelleiro nacionalista Secundino Fernández di que a Xunta sitúa a Viana no nivel baixo de restricións e que ningún dos concellos dos arredores suspendeu as súas feiras. Tamén se pregunta “por que non se restrinxen outras actividades con moito público e que dependen do concello”.

Artigos relacionados

Back to top button