
Chega a VII edición do Festival das artes escénicas “Abelardo Gabriel” de Riós cun programa cheo de actividades, artistas, proxeccións e boa música para os días 13 e 14 de agosto. A inauguración oficial terá lugar o mércores 13 de agosto ás 19h. no salón de actos do Concello de Riós e xa pola noite, a partires das 22h. comezarán as proxeccións audiovisuais presentadas por Vou&Veño, entre as que destacan dúas preestreas: a 2ª tempada da webserie “Clases de los social” e “No mellor da vida” con Pepe Capellán.
Ademais, pola pantalla do festival de Riós pasarán curtas como “Amistad” de Alejandro Marzoa ou “O coidador de gatos” de Fernando Cortizo, así como a sección de cinema de integración social “Todos podemos facer cine” con Estíbaliz Veiga.
Pasadas as 23:30h. haberá verbena a cargo do Colectivo Rebulir de Ramirás e Coral Cantarela.
O programa continuará o xoves pola mañá con xogos tradicionais infantís, obradoiros e contacontos e xa ás 13h. unha nova edición da “Ruta do talento” que nesta ocasión rinde homenaxe a Carlos Sobera e Carmen Avendaño. O acto estará presentado por Manuel Mandianes e contará coa actuación de Lucía Pérez e a Banda de Gaitas de Riós.
Con todo, será a partires das 22h. cando comece a gala do festival que reunirá no escenario a unha importante representación das artes escénicas en Galicia, aportando o seu gran de area para converter este festival nun referente dentro e fóra de Galicia: Pedro Brandaríz e Fran Rei, Carlos Sobera, Carlos Blanco e Óscar Ibáñez. Este ano a “Castaña de Cristal” seralle entregada ao actor Antón Durán “Morris” un dos protagonistas de “A Esmorga”, o último filme de Ignacio Vilar cuxo trailer se poderá ver durante a gala.
Para rematar, o concerto a cargo de Lys Pardo e o grupo Triunfo, porán, xunto á sesión do dj Guti, o broche a este festival promovido polo actor ourensán Rubén Riós.
Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella