ConcellosÚltima hora

Vilariño de Conso acolle a I Mostra de Produtos Típicos e Oficios Tradicionais

Está prevista para o 21 de agosto e terá como escenario a área recreativa do Cenza
Área recreativa do Cenza, en Vilariño de Conso, onde se instalará a mostra./ Foto: Carlos G. Hervella.
Área recreativa do Cenza, en Vilariño de Conso, onde se instalará a mostra./ Foto: Carlos G. Hervella.

Unha vintena de postos de artesanía do coiro, da madeira e do liño, así como de diferentes produtos artesáns e de elementos relacionados co Entroido (carautas de Boteiro, traxes, bombos…) e con outras tradicións desta zona poderán visitarse no marco da I Mostra de Produtos Típicos e de Oficios Tradicionais de Vilariño de Conso. Terá lugar o o 21 de agosto na área recreativa do Cenza a partires das 12h.

En torno ás 14:30h. no mesmo recinto da mostra poderá desfrutarse dun xantar-degustación a base de produtos gastronómicos típicos deste municipio de montaña. Así o menú, cuxo prezo será de 15 euros, estará formado por empanada de Boletus, troita en escabeche, cabrito asado, montonico e postre de castaña, xunto con café, licor, auga e viño.

As actividades continuarán ás 16h. con visitas guiadas ao Museo Etnográfico de Vilariño e ao Centro de Interpretación do Cogomelo. Unha hora despois, comezará un campionato de xogos populares e ás oito e media da tarde darase paso a unha Mostra de Entroido Tradicional coa proxección da foliada do pasado febreiro. Ás dez da noite procederase á clausura da mostra e á entrega dos premios dos xogos populares. Esta I Mostra de Produtos Típicos e de Oficios Tradicionais será organizada polo Concello de Vilariño de Conso en colaboración coa Asociación Xuntos polo Fulión e co Inorde.

Artigos relacionados

Back to top button