En portadaEntroido 2023Galerías de fotosÚltima horaVídeos

Vilariño de Conso pon o broche ao VIII Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica

 

Danzas, brincadeiras, música e multitude de máscaras de diferentes festas de inverno da Península Ibérica volvían converterse en protagonistas neste domingo 19 de marzo na segunda xornada do VIII Festival Internacional ViBoMask, que recalaba en Vilariño de Conso.

 

 

Numerosas persoas seguían un intenso desfile, aínda que máis breve do habitual, xa que se iniciaba na parte alta da vila e concluía nas proximidades da Casa do Concello. De novo a singularidade das máscaras e dos rituais dos diferentes grupos, chegados de diferentes partes de Galicia, así como de comunidades como Asturias, Castela e León, Castela-A Mancha, Euskadi, Cantabria e mesmo do nordeste de Portugal.

 

 

Xunto cos folións e máscaras propias do oriente ourensán, tamén percorrían Vilariño as Pantallas de Xinzo ou os Peliqueiros de Campobecerros, os Follateiros de Lobios ou os Galos de San Pedro da Mezquita (A Merca), así como as figuras propias do Entroido da Veiga ou os Troteiros do Bande, entre outras.

 

 

Por vez primeira podía verse neste encontro internacional aos Zamarraches e Pastores de Casavieja (Ávila) ou aos Guirrios e Toros de Velilla de la Reina (León). Ademais regresaba, logo de varias edicións sen participar, a Vijanera (Silió, Cantabria).

 

 

A representación internacional nesta edición corría a cargo dos Caretos de Arcas (Macedo de Cavaleiros, Bragança), dos Caretos de Parada (Parada de Infanções, Bragança) e dos Caretos de Lazarim (Viseu).

Este encontro posibilitaba reunir a enmascarados de moi diferentes e ancestrais tradicións de inverno, en dúas xornadas moi intensas. De feito, durante o domingo algúns dos participantes aproveitaban a espera antes de saír para descansar.

 

 

Como na xornada do sábado, o desfile estaba acompañado tamén polo ViBoMarket un mercado de artesanía que incluía tamén postos de gastronomía.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Vídeos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button