EconomíaEconomíaÚltima hora

Visitar os parques naturais da provincia terá premio

Fitur acollía esta mañá a presentación da nova campaña turística "7 días, 7 parques"

Biobra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, é o punto de partida e de remate da Ruta das Dúas Vertentes./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“7 días, 7 parques”. É a nova campaña turística que se vén de presentar hoxe en Madrid na Feira Internacional de Turismo (Fitur) para achegar, con premio incluído, a inmensa riqueza dos seis parques naturais localizados na comunidade (tres deles na provincia de Ourense) e do parque nacional. Presentábaa a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Vázquez explicaba que desde o seu departamento “hai unha forte e firme aposta por fomentar o turismo de natureza, que en Galicia ten un gran potencial a través dos seis parques naturais (Serra da Enciña da Lastra en Rubiá; O Invernadeiro en Vilariño de Conso; Baixa Limia-Serra do Xurés; Fragas do Eume; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia) e no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.

Os visitantes de Fitur foron os primeiros en coñecer a nova iniciativa “7 días, 7 parques”, e en saber que visitar estas sete xoias naturais ao longo de 2022 terá premio. Tal e como explicou a conselleira, os 20 primeiros que visiten antes do 30 de setembro os seis parques naturais e o Parque Nacional serán recompensados cunha fin de semana para dúas persoas nun dos establecementos hostaleiros da Rede de Turismo de Galicia localizados na área de influencia destes espazos.

 

 

“Nos sete parques atopámonos con 58.000 hectáreas naturais e 62 rutas cun total de 413,7 quilómetros para percorrer a pé ou en bicicleta”, lembrou, ao que engadiu que “o número sete está moi presente na actual edición de Fitur”, pois tras o nomeamento da Ribeira Sacra tamén son sete as reservas da biosfera declaradas na Comunidade.

“Galicia conta cun patrimonio natural de incalculable valor, que ademais de ser clave para o medio ambiente e a biodiversidade, é tamén un importante recursos de turismo sostible, tal e como demostran os máis de 5 millóns de persoas que visitaron Galicia en 2019, sendo a paisaxe a primeira das súas motivacións”, subliñou Ángeles Vázquez.

Visitar Galicia ten premio

Para participar e completar o novo reto que lanza a Xunta tan só hai que achegarse ata algún dos centros de visitantes e de interpretación dos sete parques e solicitar un pasaporte, xunto co resto de material informativo da campaña. A partir dese momento, o persoal de cada un dos parques encargarase de selar a casiña correspondente para acreditar que se fixo a visita.

Unha vez completado, bastará con escanealo e envialo por correo electrónico, xunto cos datos persoais, co fin de que a Consellería de Medio Ambiente certifique o documento e se poña en contacto cos premiados.

 

 

Para coñecer estes espazos pode facerse en calquera época do ano e sen cita previa, salvo no caso do Parque Natural do Invernadeiro —o único no que se require permiso previo de acceso outorgado pola Xunta— e do Parque Nacional.

Neste último caso e aínda que a tempada alta fixada no Plan reitor de uso e xestión (PRUX) —período no que está autorizado o transporte regular ás Cíes e ás Ons— abrangue do 15 de maio ao 15 de setembro así como a Semana Santa, durante o resto do ano tamén se poden facer visitas guiadas en grupos organizados e con embarcacións particulares aos catro arquipélagos, incluídos Sálvora e Cortegada.

A conselleira reiterou a súa invitación a visitar os parques galegos porque “cada xoia natural ten as súas propias particularidades e, no seu conxunto, condensan o verde e azul que enriquece os valores naturais e paisaxísticos de Galicia”.

Artigos relacionados

Back to top button