CulturaCulturaÚltima hora

Xornada guerrilleira o 22 de abril en Repil (A Pobra do Brollón, Lugo)

O programa incluirá conferencias, presentación de libros e a proxección de "A Cidade da Selva", entre outras actividades

 

Na década de 1940 a denominada Casa dos Guerrilleiros, en Repil (A Pobra do Brollón), convertíase en refuxio temporal para un destacamento da guerrilla antifranquista. Unha situación que remataba repentinamente o 20 de abril de 1949, data na que a Garda Civil rodeaba a vivenda. Os guerrilleiros que a ocupaban eran tiroteados e a familia propietaria da casa, detida.

Despois deste tráxico suceso a edificación quedaba abandonada e esquecida. Sen embargo, no ano 2016 o lugar era recuperado cunha perspectiva de “Arqueoloxía do Conflito” e cunha finalidade de converter o espazo nun recurso para a educación na paz e na convivencia. Foi ademais obxecto de diversas investigacións e intervencións arqueolóxicas.

Este mesmo “lugar de memoria” acollerá o vindeiro 22 de abril Repil unha “Xornada guerrilleira” cun amplo programa de actos que incluirán dende presentación de libros e conferencias, ata homenaxes, cine, músicas e mesmo degustacións. Así, os actos comezarán na Casa dos Amaro en Repil ás 11h. coa presentación dos libros “Cambedo da Raia 1946” e “A Federación de Guerrillas León-Galicia” (Edicións Positivas). Despois, ás 12 h. falarase sobre “A casa de dona Teresa” con Cristina Incio (INCIPIT, CSIC).

Ás 12:30h. está prevista unha homenaxe “aos héroes e heroínas de Repil”, con Olga Novo e Xurxo Ayán, logo virá unha sesión vermú con “Os tres de San Lourenzo” e, deseguido, “empanadas antifeixistas do forno de dona Teresa”.

O programa retomarase pola tarde na Casa da Cultura Olga Novo na Pobra do Brollón: ás 17h. Eliseo Fernández (historiador) falará nunha conferencia sobre “Os fuxidos do Courel”, a continuación Mario Bueno (Universidad Carlos III) abordará “Os xornais da guerrilla”.

Ás 18h. está prevista a proxeción do documental “A Cidade da Selva”, seguida dun debate-coloquio, con Laura Martínez (Sputnik Labrego). A xornad concluirá cun “viño guerrilleiro” ás 19:30h.

Artigos relacionados

Back to top button