CulturaCulturaÚltima hora

Xosé Benito Reza recolle nun libro a historia do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Esta obra, editada pola Deputación de Ourense, afonda na esencia dun dos espazos naturais transfronteirizos máis importantes de Europa

O presidente da Deputación de Ourense e o autor do libro, Xosé Benito Reza, na presentación virtual da obra.

 

“O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. A protección dos espazos naturais en Galicia”. É o título do novo libro do enxeñeiro de montes celanovés Xosé Benito Reza, que vén de editar a Deputación de Ourense. Este volume afonda nos “alicerces dun dos espazos naturais galegos máis grandes e de maior valor ambiental e paisaxístico”, pero tamén ten un fondo carácter “memorialístico” e pretende ser unha homenaxe ás xentes do Val do Limia que creron no parque natural.

A obra vén de presentarse de forma virtual, nunha videoconferencia que contaba coa participación do seu autor e do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Neste encontro incidíase en que se trata dun traballo pioneiro que afonda na historia deste espazo natural ourensán e fai un percorrido sobre as políticas de conservación da natureza en Galicia nos últimos trinta anos. Recolle, en 280 páxinas, os antecedentes, os inicios, o proxecto e a creación desta área protexida; o Interreg II e o que supuxo para impulsar a comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal; así como unha análise do territorio limítrofe de Portugal, a Rede Natura, o proxecto Natura Xurés-Geres, a toponimia e as claves para entender o futuro deste importante espazo, cuxa proxección e protección supón un alicerce e unha chea de oportunidades para Ourense, Galicia, España e Portugal.

O obxectivo de “O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. A protección dos espazos naturais en Galicia” non é só “facer unha viaxe para coñecer o territorio e as paisaxes do parque natural, senón contar a súa historia coñecendo a normativa e os eidos da conservación da natureza en Galicia e en toda España”, asegura o seu autor. De aí que afonde na normativa, no papel das administracións públicas, nas recomendacións das organizacións internacionais, á vez que é un libro biográfico, memorialístico, “que bebe das fontes dos meus recordos, ao longo dos case corenta anos que van desde a década dos oitenta ata hoxe”, segundo Xosé Benito Reza.

 

 

Ademais, nas páxinas deste libro “o lector atopará na obra anécdotas, momentos de forte carga emocional e unha morea de personaxes cos que me fun atopando no desenvolvemento da miña profesión e que logo me acompañaron neste peregrinar polos camiños da vida”, explica Xosé Benito Reza, quen dedica o volume “a todos os veciños que aínda resisten no Val do Limia, especialmente aos que un día creron no parque natural, aos que pensaron que o noso proxecto podía axudalos a vivir dignamente nos seus territorios de orixe”.

Para o presidente da Deputación de Ourense, este libro “rende homenaxe a un dos espazos naturais máis importantes de Europa, o cal temos a obriga de preservar”. Ademais resaltou que esta contorna “é un territorio cheo de riqueza, un hábitat que constitúe unha das xoias de Ourense: un lugar único en canto a historia e ciencia”. Baltar tamén destacaba de Xosé Benito Reza “o seu galeguismo, entendido como amor a Galicia”, e agradécelle “que nos achegue a historia do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés” e que faga “maxisterio diario da protección medioambiental regalándonos a súa privilexiada visión sobre un parque natural que todos debemos potenciar; supón un exemplo de pedagoxía permanente”.

Baltar tamén tivo palabras de agradecemento para o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez Dobaño, polo impulso que lle deu a esta publicación.

Artigos relacionados

Back to top button