ConcellosÚltima hora

A Xunta aumentou o nun 25% o Servizo de Axuda ao Fogar en Carballeda de Avia

Dende o 2015 ata hoxe, a Consellería de Política Social aumentou ata as 20.020 horas anuais segundo lle dixo o Conselleiro ao alcalde da vila nunha xuntanza entrambos

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela e o alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milla, mantiveron hoxe, 2 de novembro, unha xuntanza co obxectivo de abordar a colaboración e a mellora dos servizos que a Xunta de Galicia mantén nesta localidade ourensán.

O titular autonómico expresou ao primeiro edil o novo impulso as políticas sociais que se recolle no orzamento de 2018, “cun crecemento do 9% con respecto ao presente ano ata superar os 700 millóns de euros”, apuntou. Este incremento “permitirá seguir mellorando os programas e servizos dirixidos ás familias, aos maiores e á inclusión coa finalidade de que ningún fogar quede ao marxe da recuperación da economía galega”.

O responsable da área social do Goberno galego fixo fincapé no reforzo dos programas de atención á dependencia e, en especial, do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), “no que Galicia rexistra os mellores datos de atención do conxunto do Estado”. Rey Varela explicou que este servizo permite “atender cunha prestación profesional aos maiores dependentes que elixen permanecer nas súas casas e no seu contorno familiar”, ao tempo que engadiu que é un servizo axeitado para dar resposta a dispersión da poboación na comunidade.

De feito, desde a creación da Consellería de Política Social en 2015 e ata a data o número de horas de SAF a disposición do concello de Carballeda de Avia aumentou preto dun 25%, o que equivale a 3888 horas máis ata acadar na actualidade as 20.028 horas anuais e un ratio de atención do 95%, cifran dende a Xunta.

Rey Varela lembrou que a atención ás persoas que residen en concellos rurais “seguirá sendo unha prioridade para a Consellería”. Neste senso, o conselleiro lembrou a apertura o ano pasado dunha casa niño na localidade, o primeiro recurso de conciliación co que conta este municipio para pais e nais con nenos e nenas de 0 a 3 anos. O Conselleiro dixo que a administración autonómica seguirá a apostar polas Casas niño no vindeiro 2018, no que está previsto a apertura de 15 novas noutros tantos concellos galegos.

Ambos os mandatarios acordaron continuar nesta senda de colaboración para asegurar e mellorar o benestar dos veciños e veciñas desta localidade.

Artigos relacionados

Back to top button