OurenseÚltima hora

A Xunta investirá 700.000 euros na mellora do polígono do Vinteún

As actuacións levaranse a cabo sobre o pavimento, saneamento, telecomunicacións ou iluminación, entre outros

Un novo convenio asinado entre o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia permitirá realizar diversas actuacións de mellora no polígono industrial do Vinteún, tamén coñecido como o das Coiñás. Esta sinatura fíxose esta mañá na sede da Asociación de Empresarios do Polígono do Vinteún; ubicada na nave de Distribuciones Carballo, polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Ambos dirixentes estiveron acompañados pola voceira da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Vinteún, Jose Lorenzo, entre outros.

Segundo especifica este convenio, que conta cunha contía de 700.000 euros, servirán, segundo o alcalde de Ourense, para a reposición do pavimento da zona, reparación do saneamento, abastecemento, alumeado público, telecomunicacións e sinalización. En concreto, actuarán sobre 10.500 metros cadrados de pavimento; instalarán oito bocas de rego e intervirán sobre máis de 2.000 metros cadrados de saneamento e abastecemento. No eido da iluminación, instalarán 37 luminarios led e báculos metálicos de oito metros de altura.

O rexedor municipal sinalou que todas estas melloras suporán “a permanencia das empresas na nosa cidade e, polo tanto, posibilitará que 500 empregados poidan seguir gozando e traballando na nosa cidade”. Ao mesmo tempo, Jesús Vázquez indicou que estas obras mellorarán a seguridade do polígono xa que “aquí hai moitísimas industrias, algunhas relacionadas coa madeira, e a carencia de bocas de rego podería pór en perigo a totalidade do polígono”.

Tanto Vázquez como Conde aseguraron que a sinatura deste convenio supón “asegurar empregos”. Ao mesmo tempo, ambos cargos reiteraron que estas actuacións eran “moi necesarias para o polígono”. Conde dixo que esta é unha actuación que se enmarca dentro da política que ten a Xunta de Galicia de intentar fixar tecido industrial na comunidade: “isto permitirá o desenvolvmento da actividade do polígono das Coiñás e que poida ser máis competitivo e atraer inversións futuras”, remarcou o Conselleiro.

O responsable da carteira de Industria da Xunta de Galicia lembrou a Lei de Fomento da Implantación Empresarial “vai permitir non só melloras dende o punto de vista administrativo, senón tamén dende o punto de vista fiscal, que farán que Galicia sexa máis atractiva dende o punto de vista de investimento empresarial”.

A pelota está agora no tellado do Concello, segundo asegurou Conde tras a sinatura do Convenio, que terá que rematar estas actuacións antes de finalizar o 2017.

Bonificación do 50% en Ourense 

Durante a súa intervención, Francisco Conde lembrou que a Xunta ten unha bonificación do prezo do solo industrial en Ourense dun 50%. Asemade, lembrou que na pasada lexislatura actuouse en 20 polígonos da provincia “cun invenstimento de 5 millóns de euros”.

 

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button