O músico e escritor Xurxo Souto presentará o sábado 10 de abril ás 12:30h. na Fundación Vicente Risco (rúa de San Lourenzo, n.3), en Allariz o seu libro “Pangalaica”. “Realizaremos este encontro, en sesión mañanceira, ás 12.30 h., nos propios xardíns da Fundación. E ilustraremos a presentación, con algunha das pezas que fun aprendendo dos diferentes protagonistas do libro”, adianta Souto.
“Recortes poderesos. Pangalaica” (Galaxia) reúne oitenta textos breves. Unha serie de historias e de “persoas marabillosas que fun atopando nas miñas viaxes por Galiza adiante. Petiscos cheos de humor que acaban conformando unha cosmovisión alternativa do país: é mentira a fronteira entre o rural e o urbano. Todas somos da aldea. Vigo e mais A Coruña son a mesma cidade!”, asegura o seu autor.