
Entre os actos do programa da Festa dos Remedios que Castro Caldelas celebrará entre o 30 de agosto e o 10 de setembro figura a XXVII Feira-Concurso-Exposición de Gando Vacún das razas Caldelá, Vianesa e Rubia Galega. Terá lugar no recinto feiral da vila a partir das 11h. Logo farase a poxa e a entrega de premios
“Castro Caldelas recuperóu a única feira de gando que se celebra en toda a provincia, sendo a última en deixar de celebrarse fai máis de 20 anos debido as diferentes pandemias que afectaron o gando”, destaca a alcaldesa, Sara Inés Vega, que asegura que será “un día de grande emoción para os veciños desta terra, onde o gando foi o motor económico no pasado, celebrando feiras das que saían máis de 500 bois para Castela. No ano 2023 abrimos de novo o Centro Permanente de Desinfección e o Toural de Gando. Recuperamos as Feiras (5 no ano) e celebramos a XXVI edición que non se facía dende o 2003. E tamén organizamos o desfile de xugadas e carros”.

A edición deste ano coincinde “novamente unha pandemia (EHE, Enfermidade Hemorráxica Epizoótica)”, prosegue a rexedora, que “estivo a punto de impedirnos celebrar de novo a feira (tivemos que suspender a Feira de Compra-Venda do mes de agosto), pero o empeño dos gandeiros apoiados polo Concello fai posible este soño: recuperar e continuar con este impresionante evento que chega ao corazón dos gandeiros desta terra e de todos os milleiros de visitantes que se achegan a desfrutar do gando e a recordar a nosa historia, é o empeño que fai que o gando na terra de Caldelas sexa un dos motores económicos importantes e de desenvolvemento”.

No concurso repartiranse 13.000 euros en premios aos gandeiros cos mellores exemplares de raza Caldelá, Vianesa e Rubia Galega e ademais outorgaranse os premios as xugadas e carros que participan no desfile. Tamén se celebrará unha poxa de novelas de Rubia Galega e a entrega de premios. Xa ás 19h. será o desfile de xugadas e carros do país polas rúas da vila.
Como complemento a esta feira-concurso-exposición terá lugar un xantar popular no recinto do Toural de gando. Os produtos do menú serán todos de Castro Caldelas, destacando a “exquisita carne de vacún ao caldeiro ou churrasco, bica manteigada, viño, refrescos, café e chupito.