EconomíaEconomíaPizarraÚltima horaVídeos

40% de desconto na lousa para a reconstrución das cubertas de vivendas afectadas polos lumes

A Xunta e o Clúster da Pizarra de Galicia asinaban esta mañá en Candeda (Carballeda de Valdeorras) un acordo de colaboración nesta materia

 

En Candeda (Carballeda de Valdeorras) asinaban esta mañá o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, un protocolo xeral de colaboración para coordinar as liñas de actuación e incentivos para establecer axudas aos damnificados polos incendios do pasado verán nas comarcas e municipios produtores de lousa.

Na súa xunta directiva do pasado 22 de setembro, este Clúster xa acordara establecer unha liña de colaboración, por parte das empresas que conforman a entidade, cos afectados polos lumes do mes de xullo naquelas zonas que contasen no seu ámbito xeográfico con empresas louseiras.

 

 

A través do protocolo ratificado hoxe, a Xunta de Galicia mostra a súa vontade de colaborar con esta agrupación empresarial nesta iniciativa, cunha partida económica de 6,7 millóns de euros. Así, por primeira vez, establécese o desconto ao que poderán acceder os damnificados que opten por instalar lousa á hora de rehabilitar ou reconstruír as súas vivendas: a rebaixa no prezo deste produto será do 40%.

Accións de sensibilización

En paralelo, a Xunta e o Clúster da Pizarra de Galicia desenvolverán conxuntamente accións de sensibilización e fomento da difusión desta iniciativa, co fin de que os cidadáns a coñezan e se poidan adherir a ela.

 

 

Finalmente, tamén se estudará a posibilidade de concretar outro tipo de axudas noutros produtos que comercialicen as empresas integradas na Agrupación industrial e a súa colaboración, cos damnificados polos lumes, con accións e obras levadas a cabo con maquinaria, de ser necesario.

Neste acto contábase coa presenza de numerosas autoridades, entre elas a conselleira de Medio Ambiente e a alcaldesa de Carballeda, así como con representantes do Clúster da Pizarra de Galicia e veciños de Valdeorras.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Máis información:
https://osil.info/rueda-asegura-en-candeda-carballeda-que-8-de-10-propietarios-de-vivendas-afectadas-polos-lumes-de-xullo-xa-recibiron-axudas/

 

Artigos relacionados

Back to top button