En portadaÚltima horaVídeos

Rueda asegura en Candeda (Carballeda) que 8 de cada 10 propietarios de vivendas afectadas polos lumes de xullo xa recibiron axudas

Visitaba esta localidade valdeorresa e ademais asinaba un acordo co Clúster da Pizarra de Galicia para que os damnificados poida acceder poidan acceder a un 40% de desconto na lousa para a reconstrución das cubertas

 

“Aquí empezou o lume”, dicía o presidente da Xunta Alfonso Rueda, nada máis chegar este mediodía a Candeda (Carballeda de Valdeorras), a primeira as localidades afectadas en xullo polo incendio forestal que asolaba boa parte deste municipio, ademais de estenderse polos do Barco e Rubiá. O titular do goberno galego visitaba esta mañá Candeda, percorría as zonas afectadas polo incendio, que destruía diversas vivendas, visitaba algún dos inmobles que se están a reconstruír e tamén asinaba un protocolo de colaboración co Clúster da Pizarra de Galicia.

 

 

Nesta visita estaba acompañado pola alcaldesa de Carballeda, María Carmen González; polo alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez; pola tenente de alcalde do Barco, Margarida Pizcueta; pola alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro; así como pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; e polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, entre outras autoridades, como o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo.

 

 

A rexedora de Carballeda dáballe a benvida ás autoridades “nun día tan importante no que todos da man empezamos fisicamente a reconstrución do máis grande que materialmente pode ter o ser humano: un fogar”.

 

 

Ademais lembráballe á veciñanza que tras o incendio o Concello de Carballeda establecía un planning: “primeiro as vivendas, despois alpendres e demais bens (castaños, colmeas, oliveiras, etc.). Seguimos a folla de ruta. Aquí estamos, empezando a construír o que o lume destruía, precisamente aquí en Candeda como primeiro núcleo habitable. A casa de Manuel, a de Celia e a de Albino, seguiremos co resto das vivendas afectadas e coas demais perdas”.

 

 

Deseguido, o arquitecto municipal, Marcos Domínguez, explicaba o proxecto da reconstrución das tres primeiras vivendas en Candeda, que son as ademais primeiras que arderon. “Falamos de edificacións que sufriron os danos dos incendios en xullo de 2022, foron danos moi rápidos, moi intensos. Estamos falando de edificacións que estaban en uso como primeira vivenda”, indicaba o arquitecto municipal.

 

 

Ademais incidía en dúas cuestións “no uso residencial que tiñan esas casas e na urxencia das actuacións. Falamos dunha recuperación urxente” e explicaba o deseño realizado para recuperación desas vivendas. “Todo o programa de vivendas desenvólvese nunha soa planta porque é o máis rápido, útil e accesible. E logo sempre temos a planta baixa, para almacén, para adega”. Tamén aludía aos materiais empregados, que son dunha “ensamblaxe moi rápida, utilizamos madeira nas estruturas e un illamento axeitado para este tipo de edificacións e logo, por suposto, a cobertura tradicional de lousa que temos nesta terra”.

 

 

 

Durante a súa intervención ante os veciños o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recalcou que “oito de cada dez propietarios de vivendas afectadas polos incendios de xullo xa recibiron as axudas para a reconstrución, grazas á axilidade na concesión dos case 6 M€ habilitados polo Goberno galego para reparar danos nas edificacións das zonas afectadas, nas provincias de Lugo e Ourense. Das 90 solicitudes recibidas, 70 quedarán abonadas esta semana por un valor conxunto de 4,5 M€.

 

 

 

 

Tamén apuntaba que desde os primeiros momentos a Xunta traballou con axilidade para aprobar axudas directas aos afectados. “Había dous xeitos de facelo: dicir que se vai facer e botar uns meses buscando os cartos ou facelo canto antes, e se non hai recursos, detraelos doutros sitios. Trátase de dar prioridade, e non se me ocorre nada máis prioritario que axudar a unha persoa que perdeu a súa vivenda”, afirmou.

Dentro desa batería de apoios, o Goberno autonómico activou unha liña para axudar con ata 122.000 € aos propietarios dunha vivenda habitual ou permanente, con ata 61.000 € para os titulares dunha vivenda ocasional e cun máximo de 15.000 € para recuperar o enxoval doméstico.

 

 

Segundo o presidente da Xunta, unha das leccións que deixaron os incendios foi a importancia de que as Administracións sexan rápidas na concesión das axudas. “Comprometémonos e creo que cumprimos”.

No marco da visita, Rueda tamén tivo palabras de agradecemento cara o Clúster da Pizarra de Galicia, co que asinou un convenio para que os afectados poidan acceder a un 40% de desconto na lousa para a reconstrución dos tellados nas vivendas. “Este acordo plasma o compromiso do sector da lousa cos propietarios das vivendas afectadas polos incendios do verán”, dicía a alcaldesa de Carballeda.

 

 

 

Outras axudas

O mandatario autonómico, ademais, fixo referencia ás outras axudas destinadas a resarcir os danos dos incendios. Entre elas, os 550.000 € postos a disposición dos concellos para recuperar as infraestruturas de uso público e os 300.000 € convocados para os tecores. Por outra banda, tamén sinalou os 364.000 € destinados a axudar ás explotacións forestais, os 467.000 € para apoiar ás explotacións agrícolas e gandeiras e os 66.000 € investidos na reparación de establecementos comerciais.

 

 

Finalmente, o mandatario autonómico agradeceu o compromiso e a implicación dos alcaldes das zonas afectadas, dos dispositivos de emerxencias e dos técnicos da Xunta de Galicia para axilizar o pago das contías.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Máis información:
https://osil.info/40-de-desconto-na-lousa-para-a-reconstrucion-das-cubertas-de-vivendas-afectadas-polos-lumes/

 

Artigos relacionados

Back to top button