O souto da Carroza da localidade lucense de Folgoso do Courel acollerá este sábado 3 de novembro a XXXI Festa da Castaña. Os actos comezarán o sábado 3 de novembro ás 12 horas coa actuación do grupo Cantores do Caurel.
Unha hora despois terá lugar a lectura do pregón a cargo do chef Miguel González Quintela. Ao longo da mañá haberá degustación gratuíta de castañas asadas e viño da zona. Durante toda a xornada sucederanse as actuacións musicais, en concreto de Carta de Axuste (20 horas) e remata cunha verbena.
No campo da feira haberá postos de comida e de venda de artesanía local. O ano pasado consumíronse 700 quilos de castañas durante a celebración da festa, que data de 1986, alternando o lugar entre Seoane e Folgoso do Courel.
A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, lembra que a produción da castaña ten sido unha fonte de riqueza en toda a comarca desde tempos inmemoriais e de feito, tal e como lembran os avós e avoas serviu para evitar moita fame e aumentar os ingresos nos tempos máis duros da postguerra.