Co acendido simbólico dunha iluminación branca na praza do Concello do Barco iniciábase na tardedo 25 de novembro o acto de celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero nesta localidade. De seguido, o concelleiro de Servizos Sociais do Barco, Orlando Saavedra, pedía gardar un minuto de silencio en memoria das mulleres asasinadas, a última nesta mesma xornada.
Deseguido, tres membros de Gargallada Teatro escenificaban a peza “Xuízo ao maltrato” e, despois, dábase paso á lectura dun manifesto no que o Concello do Barco amosaba “o noso firme compromiso de rexeitamento á violencia de xénero” e tamén reiteraba “a nosa vontade de traballar ata conseguir a súa erradicación, traballando activamente día a día. Porque para acabar coa violencia requírese o compromiso individual e colectivo durante todos os días do ano”.
Neste manifesto o Concello do Barco tamén amosaba a súa “convición de que a tolerancia cero coa violencia contra as mulleres debe ser un valor, e como tal debe ser entendido pola sociedade no seu conxunto. Os nosos concellos, as nosas comarcas, cada vila, estamos sumando esforzos para difundir o que este día significa. Este ano facémolo baixo o lema O Barco espazo libre de violencia machista, Querémosvos vivas co maltrato non hai trato“.
Fotos: A.R.