Na pasada semana os traballadores da empresa valdeorresa Irosa iniciaban unha serie de mobilizacións que continuaban nesta. Os xoves e os venres facían paros laborais de 8 a 9 da mañá para pedir o cobro dos seus salarios atrasados.
“O motivo é o retraso nos pagos, a día de hoxe a unha parte dos traballadores debéselles a metade do mes de agosto, setembro, outubro e unha paga extra”, asegura Francisco Moral, secretario comarcal da CIG, que ten a maioría dos delegados no comité desta empresa, con case 200 empregados. Aínda así, este sindicalista indica que “estamos en negociacións coa empresa e vemos que posiblemente isto se solucione a semana que vén”.
De maneira semellante se manifesta Rogelio López, dende a empresa Irosa. “Isto está en vías de solución. Aínda hoxe tivemos unha reunión e estivemos falando do tema e esperamos que moi pronto, se non é neste mes será nos primeiros días do mes que vén, a solución estea feita”, sinala.
Pese a isto, a día de hoxe os traballadores prevén manter as mobilizacións. Así na vindeira semana están convocados paros os xoves e venres de 14h. a 17h.