Son actuacións “fundamentais tanto dende o punto de vista de mellora e renovación das infraestruturas como desde a actividade agraria”. Deste xeito se refire o alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, aos proxectos do Programa de Infraestruturas, que se veñen de rematar. Este plan abrangue diversas actuacións de renovación e mellora viaria e conservación e protección do medio rural e natural en todo o municipio.
Así, cun orzamento de 83.454,89 euros, executábase un proxecto de mellora de camiños rurais, enmarcado no Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). Este proxecto “significou a mellora nun total de 17 Km da rede municipal de camiños agrícolas da concentración parcelaria e outros camiños de acceso. Un total de 24 camiños nos pobos de Laioso, Bréixome de Arriba, Bréixome de Abaixo, A Venda, Toxediño, Outeiro, Parada, O Vieiro, A Ponte, O Mosqueiro, Castelaus, As Casas da Veiga e Vilar de Santos. Con obras de nivelación e acondicionamento das pistas con zahorra e posterior limpeza de cunetas para evitar os encharcamentos e desbordamentos”, sinala o rexidor.
Ao mesmo tempo, na zona de Rede Natura do concello investironse 6.269,97euros “nun km máis de camiños nunha actuación dirixida á mellora da paisaxe agraria coa limpeza e restauración das pistas de acceso ás fincas desta zona do río Limia”, engade Jardón.
Ademais estas actuacións súmanse ao arranxo e mellora de 19 km de camiños feitos o ano pasado 2014. “Con este programa bianual de mellora, quedaron reparados e renovados 37 Km de camiños, practicamente a totalidade da rede municipal de camiños agrícolas fundamentais para facilitar o tránsito e o acceso ás fincas, granxas e outras instalacións pero tamén para tratar de previr os efectos negativos do encharcamento de auga nos camiños e nas terras de cultivo e manter a actividade e dinamismo no sector agrogandeiro, estratéxico para o concello”, subliña o alcalde de Vilar de Santos.