O Concello de Barbadás continúa a axenda do seu programa cultural “E no verán? Refréscate coa Cultura”. O próximo xoves, 22 de xullo, será a quenda do grupo “Psícore”, que presentará a obra “Concerto Con Fusión” ás 21:00h no Parque dos Patos da Valenzá. O espectáculo mestura teatro, humor, comedia xestual, clown, música e participación do público nunha obra recomendada para toda a familia e que terá unha duración aproximada de 55 minutos.
“Concerto Con Fusión” trata sobre catro músicos descoñecidos que chegan ao palco cos seus instrumentos. O descubrimento dunha marimba fai que, o que podería ser un desastre, se convirta nun divertido exercicio de virtuosismo que incorpora estilos musicais tan variados como o reggae, o pop, o rock & roll, a música latina ou o disco.