Nos vindeiros meses no Hospital Público de Valdeorras no Barco acometeranse obras de reforma por valor de case 2,4 millóns de euros. Así o vén de anunciar esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na visita que realizaba ao centro barquense, acompañado polo delegado da Xunta na provincia, Gabriel Alén.
Referíase, en primeiro lugar, á adxudicación do proxecto de reforma da zona de consultas externas do centro, que vén de adxudicarse e que conta cun orzamento de licitación de 477.389 euros (IVE incluído). “Hoxe vaise facer pública a adxudicación deste contrato. Trátase dunha zona do hospital que non se chegou a reformar dende a construción do centro. Son 800 m2 de reforma, cun prazo de execución de 4 meses”, indicaba Julio García.
O proxecto contempla catro intervencións diferentes. Unha delas é a instalación dun novo ascensor para acceder ás consultas da planta primeira. Ademais, dotarase dun sistema de turnos á zona de consultas externas. Tamén se levará a cabo a mellora do confort térmico na área de Rehabilitación e na sala de espera de Resonancia Magnética. Finalmente, a obra contempla a reforma xeral e actualización do conxunto de consultas xa mencionadas (Medicina Interna, Cirurxía, Oftalmoloxía, Cardioloxía, Traumatoloxía, Uroloxía, Menopausa, etc.). “Trátase dunha reforma importante para o hospital e nun prazo de execución relativamente curto”, apuntaba o conselleiro.
Ademais, Julio García anunciaba, xunto á directora do Distrito Sanitario de O Barco de Valdeorras, a adxudicación da dixitalización da sala convencional de raios, que vén usando a imaxe dixital de maneira indirecta, e que a partir de agora terá unha “imaxe máis rápida e de mellor calidade”. Así mesmo, adxudicarase a reforma das áreas do hospital de día (creando un espazo específico de oncoloxía e outro de coidados paliativos e na unidade de endoscopia), de cirurxía maior ambulatoria e de farmacia, o que suporá un investimento de 1,4 millóns de euros, segundo avanzaba o conselleiro, que tamén mencionaba un investimento duns 400.000 euros en equipamentos para este conxunto de reformas.
Situación sanitaria da Rúa polo Covid
O conselleiro tamén se refería á situación sanitaria da provincia con relación ao Covid-19. Neste senso, indicaba que o comité clínico de expertos que segue a pandemia en Galicia ten o foco posto, entre outros concellos, na Rúa. Na reunión que celebrarán mañá analizarán polo miúdo os datos do municipio valdeorrés e valorarán se tomar ou non novas medidas restritivas. Tamén indicaba que se estudará se se alivian ou non esas restricións nalgún concello da provincia en función da súa evolución.
Fotos: Carlos G. Hervella.