O CD Barco está nun dos momentos máis importantes da tempada. Atópase a poucos puntos de poder xogar unha nova promoción de ascenso a 2ª RFEF, polo que o partido da xornada 32 ante a UD Somozas “é de vital importancia e queremos compartilo con toda Valdeorras”, din dende a directiva do club barquense anunciando a celebración do “Día do deporte comarcal” o vindeiro 14 de abril, Xoves Santo, cando se disputará o devandito encontro a partir das 17:30 horas.
Para iso o Centro de Deportes Barco convida a todos os clubs da comarca a asistir gratis, “ademais cada socio do CD Barco poderá retirar dúas entradas gratis para convidar a familiares e amigos”, asegura o presidente Daniel Ramos, agardando que “este partido sexa un evento deportivo no que socios, siareiros e veciños en xeral desfruten da festa do fútbol enchendo as bancadas do noso campo de Calabagueiros e animando ao equipo para lograr o obxectivo tan ansiado”, di.
Dado o éxito de entrada no partido ante o Xuvenil Ponteareas ao que convidaran a todos os cativos da comarca e contorna, de seguro que moito público vivirá co CD Barco un “Xoves Santo de Paixón polo fútbol”.