Un gran ambiente deportivo se respiraba na área recreativa do Aguillón, na Rúa, na tarde deste domingo 22 de maio. Mentres no pavillón municipal as rapazas do Rúa-Valdeorras CF enfrontábanse ao Atlético Arnoia na semifinal da Copa Galicia, no campo Vicente Solarat Maceda o equipo sénior do CD Rúa pelexaba co Taboadela na semifinal do ascenso a 1ª Galicia.
Dende hai días a directiva do CD Rúa animaban a afección a asistir a este importante partido vestido de amarelo (cor principal da súa equipación), regalando unha rifa a quen o fixera para partidipar no sorteo dun xamón dunha cea para 2 persoas no Mesón Poldo.
Malia o incentivo non todo o mundo asistía de amarelo, pero o campo de fútbol rues si rexistraba unha boa entrada con numeroso público na bancada e sobre todo a pé de campo.
A nivel deportivo, o partido estivo moi igualado con moitos nervios por parte de ámbolos dous equipos e algunha ocasión que esgotaba o tempo reglamentario co empate a ceros no marcador. Finalmente na tanda de penaltis impoñíase 4-2 o conxunto rues que pasa á seguinte ronda.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.