CulturaCulturaÚltima hora

O cartel da XXXI Semana de Cine, obra da barquense Luisa Rodríguez Caperán

 

Cunha imaxe en branco e negro se presenta o cartel da XXXII Semana de Cine do Barco, que se celebrará do 26 de agosto ao 3 de setembro da man do Cine Club Groucho Marx. Unha fermosa obra creada pola barquense Luisa Rodríguez Caperán, estudante de Belas Artes en Pontevedra.

Tal como explica a propia Luisa, o cartel é froito de varias probas ata lograr o efecto desexado: unha imaxe con varias interpretacións. “Ao tratarse dun cartel de cine sempre pensas en películas que viches ou marcaron un momento na túa vida, polo que empecei facendo unha lista con todas as películas que me gustou ver no cine, pero parecíame un cliché usar un fotograma, non me acababa de convecer, polo que finalmente busquei algo afastado do cinema que pudera facer pensar cousas diferentes a cada persoa”, di Luisa.

 

Cartel da XXXI Semana de Cine do Barco.

 

Foi entón cando colleu a imaxe algo deformada dun cadro cunha muller pensativa e editouno en branco e negro. “Tiña claro que debía ser en branco e negro porque paréceme unha etapa moi importante para o cine”, explica, recoñecendo que o cartel reflicte a unha muller que está cavilando, reivindicanco tamén o papel da muller no cine, e con varias interpretacións. “Pode estar pensando nun guión, nunha película que acaba de ver ou calquera outra cousa”, conclúe esta xove artista que malia non ter a carreira de Belas Artes como primeira opción, vai xa camiño do terceiro curso contenta coa decisión que tomou sobre a súa formación.

Máis información no Especial Festas do Cristo do Periódico O Sil e no seguinte enlace: https://osil.info/a-xxxi-semana-do-cine-do-barco-homenaxeara-a-ruesa-cristina-de-la-torre/

Artigos relacionados

Back to top button