Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

Suso Vilasánchez, cabeza de lista do BNG no Barco: “Crearemos un bus con liñas de balde que conecte os barrios e núcleos rurais coa vila”

Esta é unha das propostas do programa que a formación nacionalista presentaba esta mañá ante a prensa . É un proxecto, din, "baseado nas persoas, non no cemento"

 

Desenvolvemento económico con referencia a sectores como a lousa, o viño ou os servizos, pero tamén sostibilidade e medio ambiente, novas tecnoloxías, xunto cun transporte que conecte a vila cos núcleos rurais e coa atención aos maiores e aos colectivos vulnerables ou a aposta pola cultura e a identidade, facendo fincapé na lingua galega. Son os eixos principais nos que incide o programa do BNG para o Concello do Barco, co lema “Merecemos Máis!”. Presentábao esta mañá o cabeza de lista nacionalista no municipio, Suso Vilasánchez, acompañado do número catro, Xabier Rocha Rivera, e do número seis, Manuel Agra Sánchez.

“O noso programa está baseado sempre na xente, non no cemento, é un programa moi humano. Mantén as liñas principais nas viñamos incidindo nas anteriores convocatorias e que ademais se teñen plasmado nas mocións presentadas no pleno municipal ata o de agora”, destacaba o candidato á alcaldía do BNG no Barco e actual concelleiro, Suso Vilasánchez, que expoñía, pormenorizadamente cada unha desas propostas, comenzando pola non suba de taxas nin impostos municipais e pola creación dun bus “rururbano” con liñas “de balde que conecte os barrios e núcleos de poboación rurais do concello co centro da vila. Esixiremos vías e medios de comunicación modernos e axeitados ás necesidades da comarca”. Vilasánchez lembraba que esta proposta xa foi presentada nunha moción que resultaba rexeitada polo equipo de goberno.

Tamén defenden a redución das rúas con “Zona Azul” na vila e “realizar unha drástica redución de prezos”, así como impulsar unha residencia pública de maiores”, “activar plans de emprego locais para fixar poboación nova na nosa vila, crear redes de apoio á poboación desprotexida ou vulnerable, incluíndo as emerxencias climáticas, incrementando os orzamentos municipais para emerxencias sociais”, ademais de promover o turismo e a posta en valor da superficie forestal do municipio con liñas de axudas para a limpeza do monte. Avogan pola “recuperación do medio ambiente, a reforestación con árbores autóctonas como forma de crear riqueza e loitar contra o cambio climático” e polo fomento do “asociacionismo para crear cultura a riqueza”.

 

O cabeza de lista do BNG no Barco durante a súa intervención.

 

Vilasánchez incidía tamén na importancia de “defender a industria local con especial referencia á lousa e ao viño, ao comercio local, aos servizos públicos, a tope sen branduras nin obediencia a gobernos na Xunta ou do Estado español: defenderemos o noso hospital e a nosa atención primaria, as comunicacións ferroviarias axetadas, as estradas e autovías, defendermos o territorio do concello. Non debemos obediencia a ninguén”.

Así mesmo Xabier Rocha aludía á relevancia de impulsar as novas tecnoloxías tendo en conta as novas oportunidades que supoñen en materia socioeconómica. “É neceario que chegue a fibra óptica a todos os recunchos do municipio. Dotaremos de WIFI de balde ao concello, sen discriminar ao rural. Impulsaremos o uso das novas tecnoloxías. Impulsaremos o coñecemento e uso das novas tecnoloxías, achegándoas a todo tipo de persoas e buscaremos atraer aos nómadas informáticos como fonte de creación de emprego e riqueza”.

Dende o BNG tamén se quere poñer o foco nos núcleos rurais do concello, “acometeremos as obras precisas nas diferentes parroquias tras a consulta cos seus habitantes e faremos do Salgueiral unha área recreativa para o goce de toda a veciñanza”, ademais de “opoñernos á “depredación eólica” do noso municipio”.

O programa contempla tamén potenciar o Centro de Información á Muller e a creación de “Puntos Lila” para apoio e formación ás mulleres “especialmente vítimas de violencia machista e en risco de exclusión sexual” e a creación dunha Concellería de Muller e Igualdade.

Tamén se pon o foco no eido deportivo coa iniciativa de “crear ligas locais de deporte base de acceso libre, recuperar xogos tradicionais e remunicipalizar as infraestruturas deportivas”, ademais de “facer un ximnasi público cun amplo horario de activiades e con actividades para todas as idades, incrementaremos as axudas ao deporte e crearemos becas para os deportistas de nivel que hai no noso concello”. E iso sen perder de vista “a importancia do envellecemento activo, confeccionando programas por barrios e núcleos de poboación rurais con programas que fomenten o mantemento dunha vida activa para os nosos maiores e faremos do Barco unha vila inclusiva para a terceira idade”.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button