

Chegáballe un empate pero quixo despedirse ao grande. Malia ter que agardar ata o último partido de liga, na mañá deste domingo 11 de maio o CD Barco regresaba á Terceira RFEF dúas tempadas despois do descenso.
Con nervios, moita expectación, ilusión e o acompañamento de decenas de afeccionados, os rapaces de Nilo Estévez saltaban ao terreo de xogo no Penedo da Moo, no barrio vigués de Matamá, dispostos a pechar unha gran tempada na Preferente Sur, dura, con algún tropezo pero moi fructífera. Así e todo os rivais non estaba dispostos a poñerllo fácil rematando a primeira parte co 0-0 no marcador.

Un punto chegáballe ao líder para sumar os 69 cos que superar ao segundo, o Céltiga (que tamén vencía e quedaba con 68), pero avanzado xa o segundo tempo, no minuto 81 Brian Castro marcaba para O Barco poñendo o broche de ouro ao partido e á tempada.
O presidente do Barco, Nilo Ramos, sempre prudente, aseguraba onte que o primeiro era ascender e despois xa pensarían na celebración. “Os rapaces igual o celebran pola súa conta hoxe, pero a nosa idea é facelo ben para a vindeira fin de semana”. Motivos de celebración non lle faltan.

Noraboa a todos polo ascenso!!
Fotos e vídeo: Julio Quintas.



