Seguindo a estela doutros equipos, un grupo de antigos xogadores e ex directivos do Club Deportivo Rubiá, desaparecido hai máis de quince, anos decidía no 2024 facer un encontro de persoas vinculadas a este club deportivo, de lembranza e confraternidade, para revivir a historia e memoria deste equipo.

Un ano despois e dado o éxito desa primeira convocatoria na que se reunía máis dun cento de persoas, organizaban a segunda, celebrada na xornada deste sábado 17 de maio, dividida novamente en dúas partes, unha no pavillón municipal e outra no campo dos Ladrillos, con cambios no programa.

O primeiro punto de encontro era o campo no que tantos partidos xogaron e tan ben o pasaron, con actividades deportivas distribuídas tamén en dúas partes, un partido entre os máis veteranos e os noviños que gañaban os segundo por un axustado 2-3; e tamén unha serie de habilidades co balón fronte á portería con algún que outro agasallo por medio.
O campo dos Ladrillos, primeira parada da II Xuntanza do Club Deportivo Rubiá
A segunda parte, xa no pavillón, era o xantar que este ano reunía a algo máis de 70 persoas. “Ao ser o día das Letras Galegas houbo xente que non pudo vir pero o peor é que algúns non viñeron por que xa non están”, lamenta Sergio desde a organización. Con todo estaban contentos coa resposta da xente xa qu á parte de xogadores e directivos tamén foron afeccionados, polo que se vai diversificando o encontro.


Nesta ocasión o agasallo que entregaban a cada asistente era unha sudadera e unha navalla multiusos como recordo da xuntanza, que entgregaban antes da foto familiar e do xantar, servido por Mantesil cun menú formado por entremeses, empanada, carne asada con patacas, bica, café e licores.
E nesa última parte chegaba o turno dos recoñecementos, entregando dúas placas aos irmáns José (Pepe) e Ignacio Doce Franco, ambos xogadores e adestradores do CD Rubiá que agradeceron o detalle lembrando aos que xa non están como Perullo, Manolo e Carlos e pedindo un aplauso para os organizadores e moi especialmente para “Roberto, Petete, porque é un exemplo de superación”, dixo Nacho, facendo emocionar aos presentes. Pola súa banda Roberto asegurou que mentres a xente responda, seguirano facendo.
Tamén tiñan un recordo especial e unha placa para Daniel Núñez Rodríguez (Wayo) “un gran amigo que morreu coas botas postas”; e tiveron un detalle cun dos asistentes que estaba de aniversario.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.



