EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeosViticultura

Nace ‘Entre Covas’, un festival que combina artes escénicas, cultura vitivinícola e gastronomía, en Valdeorras

Está formado por tres citas que se desenvolverán nos concellos de Larouco, A Rúa e O Barco

 

As Pinguelas, o corazón das covas na Rúa, en plena natureza e co rumor da auga e dos paxaros, diante da adega de Alan de Val, era o lugar elixido pola Asociación Ruta do Viño de Valdeorras para o lanzamento de ‘Entre Covas’, un festival de artes e enoturismo que levarán a diferentes puntos da comarca, con espectáculos musicais, de danza e ilusionismo a carón das covas de adegas asociadas.

 

 

Os concellos de Larouco, A Rúa e O Barco de Valdeorras, acollerán nos meses de xuño, xullo e agosto a primeira edición desta iniciativa que conta co apoio da Xunta. De feito, o director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, participaba na tarde deste luns 9 de xuño na presentación do evento, “un claro expoñente da diversificación do noso destino ao redor dun dos seus principais atractivos, como é a cultura vitivinícola”, dixo, destacando que a programación variada deste festival permitirá distribuír nos tres concellos ourensáns os visitantes e tamén todos aqueles interesados nos viños de Valdeorras durante os meses de xuño, xullo e agosto, “ao tempo que se promove a tradición patrimonial das covas, unha técnica empregada no pasado na elaboración e conservación dos viños nestas terras ourensás”.

 

 

A encargada de presentar o acto e aos asistentes era Cristina Núñez, técnica da Ruta do Viño de Valdeorras. E ela daba paso á vicepresidenta, Montserrat Rodríguez, responsable de dar a coñecer o festival que inclúe tres actuacións, en tres datas e lugares diferentes. A primeira será o venres 20 de xuño en Seadur (concello de Larouco), na terraza da Cova da Xabreira. Alí haberá un espectáculo de ilusionismo a cargo de Joshua Kenneth, quen promete setenta minutos de humor e misterio. Trala actuación, ofrecerase unha degustación de viños e petiscos elaborados con productos de proximidade.

 

 

A segunda actuación será o venres 18 de xullo na Rúa coa participación das covas de tres adegas asociadas á Ruta, cunha proposta itinerante. Comezarase cunha breve visita á cova de Adega Melillas, na Coroa; e despois, o evento seguirá nas Pinguelas, cunha actuación musical na cova de Joaquín Rebolledo a cargo de Carmela, cun recital baseado na tradición oral galega. Trala música, haberá novamente unha degustación de viños e petiscos na cova de Alan de Val.

 

 

A terceira e última actuación será o venres 22 de agosto nos exteriores de Bodegas Blare, en Vilanova, no concello do Barco. Alí, a compañía de danza de Fran Sieira presentará o seu espectáculo Ceibe, unha peza que combina danza contemporánea e cultura tradicional. Neste caso, a cova da adega poderase visitar antes e despois do espectáculo, cando se servirán os viños e petiscos.

 

 

Todos os eventos comezan ás oito da tarde e prolongaránse ata as 22:30 horas, cun aforo máximo previsto de 50 persoas. As entradas, á venda en Ton y Son ou a través da web da Ruta do Viño, custan 25 euros para cada espectáculo, cun prezo reducido de 60 euros ao mercar as tres xuntas. Inclúen o acceso ao espectáculo, a cata de tres viños e mais uns petiscos. En cada evento haberá seis referencias de viños de diferentes adegas asociadas á Ruta.

 

 

“Este festival é unha iniciativa da Ruta do Viño de Valdeorras para poñer en valor as covas de viño, un patrimonio arquitectónico e cultural único en Galicia, a través dunha oferta enoturística de calidade”, dixo Montse asegurando que apostaron por un evento de pequeno aforo e propostas escénicas intimistas, creando unha atmósfera de desfrute para os sentidos e minimizando o impacto sobre a contorna.

 

 

“O programa realizouse coa colaboración dos asociados da Ruta, abrindo unha convocatoria a todas as adegas para que se propoñeran como escenario dun dos eventos”, dixo a vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras, incidindo no feito de que ademais das adegas, tamén se implican na actividade outros asociados para a elaboración dos petiscos, encargados a Cova da Xabreira, CH Paladium e Pazo do Castro. “Tamén se ofrecen condicións especiais dende os aloxamentos A Rectoral de Seadur, Pacio do Sil e Pazo do Castro para os asistentes ao festival”.

 

 

Na súa intervención o Merelles loou o entorno, destacando que o Festival Entre Covas súmase a outras iniciativas apoiadas pola Xunta de Galicia en 2024 e 2025 coma o SilFest Valdeorras ou Son da Estación que se celebrarán proximamente no Barco e na Rúa, respectivamente, ademais de actuacións nas Ermidas, entre outras. “Ademais, Turismo de Galicia está a desenvolver unha serie de iniciativas na comarca de Valdeorras -onde o enoturismo ten un especial protagonismo-, nas que leva investidos máis de 2,8 millóns de euros nos dous últimos anos”, dixo, asegurando que este departamento da Xunta colabora cos distintos concellos da zona á hora de mellorar e potenciar recursos turísticos locais achegando case 150.000 euros.

 

 

 

Á presentación tamén acudía María del Carmen González, delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense, outra das institucións colaborada coa Ruta, quen asegurou que “as covas de Valdeorras gardan un valor quase único cunha cantidade enorme que os propios valdeorreses non coñecemos”. Dando a noraboa á Ruta do Viño por esta iniciativa e pola intensa actividade que teñen para por en valor un sector que “non é só delicia senón tamén economía”.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button