A organización do ciclo “Prego 100 anos” abre dende mañá a segunda e última fase de catalogación da obra do artista ourensán Prego de Oliver. Este chamamento vai dirixido a todos aqueles propietarios, coleccionistas ou galerías que posúan obras de Prego de Oliver e desexen ter catalogado devandito patrimonio artístico.
O traballo de recepción das obras realizarase dende mañá até o venres na sala Valente (Banco de España), en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas. Segundo informan dende o Concello de Ourense, o procedemento para catalogar a obra consiste na entrega da peza cun rexistro de entrada e devolución da mesma, con sinatura de saída. Á xente que sexa de fóra de Ourense recibirá o certificado e a obra o mesmo día.
Cambio de data conferencia
Por outra banda, dende a organización de “Prego 100 anos” anunciaron un cambio na data das conferencias divulgativas dentro do ciclo. Así, “O canon da pintura galega desde a Atenas de Galicia: Prego”, a cargo do comisario da exposición Xabier Limia de Gardón, que estaba prevista para hoxe, terá lugar o vindeiro martes 20 de decembro ás 20:00 horas na propia sala Valente con acceso libre e gratuíto.