EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A 59ª Feira do Viño do Ribeiro presenta o seu cartel

O estudio A&B Comunicación é o autor da imaxe escollida nesta edición

 

A organización da Feira do Viño do Ribeiro (en mans do Concello de Ribadavia e do Consello Regulador da D.O. Ribeiro) presentaba este venres o cartel da edición número 59ª desta mostra, que terá como data de celebración do evento os días 29 e 30 de abril e o día 1 de maio de 2022, nas que volverá ao seu formato de sempre no recinto da Alameda de Ribadavia.

O cartel está deseñado por A&B Comunicación, estudio que leva case unha década traballando dende Ribadavia e que está formado por Ainhoa Viñuela Don e Blanca Selas Chao.

Ainhoa é Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e Técnica Superior en Realización de Audiovisuais, mentres que Blanca é Licenciada en Comunicación Audiovisual e Técnica Superior en Imaxe. Na súa carreira profesional destacan, entre moitas outras cousas, numerosos carteis para a MIT Ribadavia, festivais musicais e culturais, e a súa especialidade é o eido audiovisual, contando cuha ampla experiencia en proxectos fotográficos e audiovisuais.

En referencia á idea do cartel, as súas autoras comentan que “é unha proposta moi colorista e vitalista na que, a través da técnica do caleidoscopio, descompoñemos uvas, vides, follas e mesmo o patrimonio para facer unha amalgama que aglutine aqueles aspectos que fan que O Ribeiro sexa unha comarca única, centrándonos na importancia e protagonismo dos seus viños”.

 

 

Neste acto de presentación contábase coa asistencia da alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez Travieso; do presidente do CRDO Ribeiro, Juan M. Casares Gándar, da tenente da alcaldía de Ribadavia, Paula Rodríguez Domínguez, así como coa de Brais Fidalgo Martínez, portavoz do Concello de Ribadavia, Ainhoa Viñuela Don e Blanca Selas Chao, ambas autoras do cartel e de  A&B Comunicación.

Dende a organización tamén se anuncia que nos vindeiros días darase a coñecer a programación de actividades e o listado de adegas e colleiteiros participantes.

Artigos relacionados

Back to top button