ConcellosParada de SilÚltima hora

“A Administración cerca de ti” achegará tamén á cidadanía do rural os servizos da Seguridade Social e do SEPE

A secretaria xeral de Coordinación Territorial avanza en Parada de Sil (Ourense) a próxima incorporación do persoal destes organismos tras o acordo acadado cos seus respectivo ministerios

 

O programa “A Administración cerca de ti” do Goberno sumará a Seguridade Social e o Servizo Estatal Público de Emprego (SEPE) aos procedementos que achega á poboación dos pequenos concellos. Anunciouno hoxe en Parada de Sil a secretaria xeral de Cooperación Territorial do Ministerio de Política Territorial, Miryam Álvarez, tras asistir a unha sesión deste programa piloto co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

A incorporación do persoal da Seguridade Social e o SEPE a este programa foi posible tras o acordo acadado entre o Ministerio de Política Territorial e os Ministerios de Emprego e de Inclusión, dos que dependen ambos organismos. Responde á iniciativa do Ministerio de Política Territorial, de incluir máis servizos a esta nova forma de relacionarse coa cidadanía, e coa particularidade de ser servizos que están entre os máis demandado.

O programa piloto “A Administración cerca de ti”, do Ministerio de Política Territorial, forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e ten como obxectivo achegar a Administración Xeral do Estado (AGE) ao territorio e facilitar aos cidadáns que viven no medio rural o acceso aos servizos públicos sen necesidade de desprazarse a outras localidades. En Galicia chegou a 145 concellos dende que se puxera en marcha en novembro do pasado ano.

Hoxe, a secretaria xeral de Coordinación Territorial do Ministerio de Política Territorial, Miryam Álvarez, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, coñeceron en Parada de Sil (Ourense) a materialización desta iniciativa. Na sesión tamén participaron o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, así como os alcaldes de San Xoán de Río e Montederramo, entre outras autoridades.

Todos participaron na sesión de traballo dirixida por persoal da Subdelegación do Goberno en Ourense na que presentou á veciñanza de Parada de Sil os servizos electrónicos da Administración do Estado. A sesión incluíu unha explicación do servizo á cidadanía e a demostración práctica sobre o funcionamento, ademais de posibilitar aos asistentes a tramitación do certificado dixital, fundamental para comunicarse electronicamente coa Administración e xestionar servizos públicos.

Durante a cita, o delegado do Goberno sinalou que esta iniciativa innovadora forma parte do compromiso do Goberno de Pedro Sánchez de avanzar na cohesión territorial, rachar a fenda dixital e garantir o acceso aos servizos públicos á poboación do rural. Baixo a premisa de “informar, formar e axudar”, permite achegar os servizos que ofrece a AGE aos veciños de todo o territorio, independentemente de onde se viva.

En Parada de Sil, o delegado agradeceu ademais a colaboración dos gobernos locais “pois este programa non sería posible sen a súa implicación”, e dos funcionarios e funcionarias públicas que están desde novembro percorrendo os pobos de xeito voluntario.

Balance en Galicia

Coa sesión de hoxe en Parada de Sil, o programa completou 45 concellos na provincia de Ourense. Na Coruña, a iniciativa chegou a 29 concellos; en Lugo, a 50 concellos; e a 21, de Pontevedra. Nas distintas sesións tramitáronse máis de 1.700 certificados dixitais de distinto tipo.

Durante as vindeiras semanas, o persoal das subdelegacións achegarase a 93 concellos restantes de Galicia, ata completar os 238 previstos inicialmente, todos eles de poboación comprendida entre 500 e 8.000 habitantes.

Administración electrónica

Actualmente, a Administración Xeral do Estado ofrece a posibilidade de realizar de xeito dixital a maior parte das xestións e das comunicacións con seus departamentos. Dende trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, aboamento de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos casos só se pode xestionar telematicamente.

O catálogo de servizos electrónicos da Delegación do Goberno en Galicia ofrece 125 trámites de xeito telemático, entre os que se atopan xestións relacionadas cos servizos de Estranxeiría; pago de taxas; comunicación de mobilizacións; validación de títulos universitarios estranxeiros ou a presentación de queixas ou suxestións ante a Administración.

Artigos relacionados

Back to top button