A aplicación do Servizo Galego de Saúde, SergasMóbil, vén de poñer en marcha unha nova prestación que permite á cidadanía chamar ao 061 cando se teña unha emerxencia sanitaria. A nova ferramenta tamén posibilita xeolocalizar a chamada, o que fai que o equipo do 061 axilice a localización do lugar exacto dende onde se realizou a mesma. O Sergas segue, pois, a traballar para ofrecer a toda a cidadanía galega as ferramentas posibles para facer máis doado o acceso á Sanidade.
Coa aplicación Sergas Móbil, os usuarios poden acceder dun xeito áxil e rápido aos diferentes trámites que precisen realizar, como poden ser a xestión das súas citas médicas; localizar o itinerario máis curto para chegar ao seu centro de saúde; o emprazamento da súa consulta dentro do centro sanitario; solicitar a súa quenda desde o móbil sen achegarse a ningún mostrador; ou ser atendido na súa propia casa por medio dunha videoconsulta, cando non sexa precisa a atención presencial.
Entre as características de ‘Sergas Móbil’ destacan as melloras implementadas nos niveis de usabilidade e navegabilidade. Ademais da súa capacidade para integrar dentro da mesma plataforma outras aplicacións dixitais desenvolvidas polo Sergas, como son os casos de Telea (Telasistencia Domiciliaria), ou o portal É-Saúde, mediante o que se pode acceder á historia clínica, aos informes de laboratorio, á medicación activa de cada paciente ou aos resultados das diferentes probas realizadas no sistema público de saúde galego.