En portadaÚltima hora

A calidade e a apertura de novos mercados, entre os obxectivos do novo equipo da D.O. Valdeorras

José Ramón Rodríguez presidía hoxe o seu primeiro pleno, no que abordaba o que serán os eixos vertebradores do seu mandato

 

O novo pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, con José Ramón Rodríguez Castellanos á cabeza, reuníase hoxe por vez primeira nunha sesión que se celebraba nas instalacións do organismo en Vilarmartín de Valdeorras e na que se abordaban os eixos vertebradores deste mandato.

O novo presidente detallou que os obxectivos para os próximos catro anos van ter moi en conta o traballo feito ata o de agora, sobre todo no que ten que ver coa promoción dos viños de Valdeorras, “estratexia coa que se tentará chegar a novos mercados, acudindo ás feiras e foros máis relevantes de España e de Europa para dar a coñocer os brancos e tintos da comarca”.

Tamén se incidirá na aposta pola calidade, para que os godellos continúen a ser o “emblema indiscutible” da Denominación de Orixe, sempre tendo en conta tamén outras variedades relevantes como a mencía e, mesmo, minoritarias, pero que cada vez gozan dunha meirande aceptación no mercado como “pode ser o caso da garnacha tintorera” tamén van constituír “obxectivos irrenunciables” para o novo presidente do Consello Regulador.

Cumprimento dos parámetros de ENAC

Neste senso, asegurou que o control da orixe da uva e o cumprimento cos parámetros que fixa ENAC seguirán sendo “indispensables” para “reforzar e certificar os nosos viños, todos os procedementos de trazabilidade e consolidar a marca Valdeorras”.

Por último, non se quixo esquecer José Ramón Rodríguez Castellanos dunha das cuestións máis relevantes para o novo mandato, que hoxe se inicia: “ser un piar fundamental de apoio e asesoramento para os viticultores, adegueiros e cooperativas da comarca, co obxectivo de que poidan situar os seus produtos no mercado aos mellores prezos posibles e conseguir que o número de litros de viño cualificados pola D.O. vaia en aumento cada ano”.

Artigos relacionados

Back to top button