OurenseÚltima hora

A Calpurnia de Honra do 27ª OUFF será para o cineasta Jaime Chávarri

Recollerá o galardón na próxima edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, que se celebrará entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro

O director Jaime Chávarri./ Cedida polo OUFF.

 

O cineasta Jaime Chávarri (18 de marzo do 1943, Madrid) recibirá a Calpurnia de Honra do 27º Festival Internacional de Cinema de Ourense – OUFF, que se celebrará entre o 23 de setembro e o 1 de outubro deste ano. Ademais, o festival publicará un volume arredor da súa figura a cargo do crítico Alberto Abuín, dentro da súa colección MonografíasOUFF.

“Ligar o nome de Jaime Chávarri á historia do Festival de Cine de Ourense é unha forma de recoñecer a súa traxectoria e, ademais, o seu compromiso con esta terra. Porque Chávarri ven de rodar “La Manzana de Oro”, un proxecto patrocinado pola Deputación dentro da nosa aposta por converter a Ourense nun gran plató de cine e que, sen dúbida, será unha das películas máis importantes da filmografía deste cineasta referencial e que ademais supón o seu regreso á dirección” afirma Manuel Baltar. O Presidente da Deputación de Ourense engade tamén que cando tivo a oportunidade de comunicar a Chávarri esta distinción, a Calpurnia de Honra, se sentiu profundamente honrado, e volveu a lembrar as súas semanas na provincia durante a rodaxe -a película rodouse integramente en Ourense-, recalcando a idoneidade das lugares da rodaxe, a súa satisfacción polo proceso de montaxe no que está inmerso e, avanzou, “a seguridade de ser unha das películas do ano”. Se todo vai segundo o previso, o público ourensán poderá gozar do filme nesta edición do festival.

Ourense en “La Manzana de Oro”

Con La Manzana de Oro o director regresa ao cine tras case dúas décadas de ausencia. Trátase dunha comedia “onde o humor está continuamente presente”, afirmou o propio director, agradecido pola oportunidade de volver a Galicia para traballar. La Manzana de Oro, que ten as súas localizacións no Pazo de Bentraces e noutros lugares próximos da provincia, está baseada na novela “Ávidas pretensiones”, de Fernando Aramburu, Premio Biblioteca Breve que anualmente concede a editorial Seix Barral, e protagonizada por actores e actrices como Marta Nieto, Sergi López, Adrián Lastra, Elena Seijo e Abelo Valis.

Narra a historia dun invitado inesperado que desestabiliza as xornadas poéticas que cada ano reúne nun illado convento do noroeste peninsular a distintas tendencias da poesía española. Mentres os poetas escriben e recitan na procura dun premio dourado, unha sospeita de plaxio, a loita por participar nunha futura antoloxía, a irreverencia dun rapeiro, o aniversario dun poeta centenario e outras situacións máis acabarán por rematar nunha noite de treboada, logo do triunfo inesperado dunha nova estrela feminina da poesía contemporánea. 

Jaime Chávarri. Traxectoria

Bisneto do expresidente do Goberno Antonio Maura e licenciado en Dereito, estudou dous cursos na Escola Oficial de Cinematografía e encargouse da crítica de cinema na revista Film Ideal.

A etapa inicial da súa actividade dentro da industria abarcou diversas tarefas: axudante de dirección de Francisco Regueiro en Me enveneno de azules (1969), coguionista de Un, dos, tres… al escondite inglés (1969, Iván Zulueta), deseñador de decorados de películas de Víctor Erice (El espíritu de la colmena, 1973), Carlos Saura (Ana y los lobos, 1973) e Jaime de Armiñán (Un casto varón español, 1973), realizador de programas televisivos ou director de curtametraxes como Permanencia del arabesco (1971), Estado de sitio (1971), que resultou vencedor no Festival de Cortos y Documentales de Bilbao, e Señales en la ventana (1974).

Jaime Chávarri introduciuse na dirección profesional de longametraxes cun dos episodios (o titulado La danza) que conformaron a película de terror Pastel de sangre (1971, codirigida con Francesc Bellmunt, José María Vallés e Emilio Martínez Lázaro). O seu primeiro traballo en solitario foi Los viajes escolares (1974), unha incursión autobiográfica onde insistía no estilo simbolista das súas curtas. O tema central desta película, a familia, foi tamén o eixo de El desencanto (1975), un insólito docudrama protagonizado polos membros da familia do poeta Leopoldo María Panero que supuxo para o novo cineasta un notable recoñecemento crítico.

Co produtor de El desencanto, Elías Querejeta, prolongou a súa colaboración en A un dios desconocido (1977), onde se abordaba o tema da homosexualidade, e en Dedicatoria (1980). Tres anos despois levou á gran pantalla a novela de Llorenç Vilalonga Bearn o la sala de las muñecas (1983), e o ano seguinte, coa adaptación da obra teatral de Fernando Fernán Gómez Las bicicletas son para el verano (1984), logrou o seu maior triunfo comercial.

En El río de oro (1985), unha evocación da infancia e o paso á vida adulta, regresou a un cinema máis persoal e intimista, e con Las cosas del querer (1989) e Las cosas del querer, 2ª parte (1995), homenaxe encuberta á gran figura da canción española Miguel de Molina, conseguiu outro estimable éxito. Na última etapa da súa carreira colaborou no guión de La noche más larga (1991, José Luis García Sánchez) e estreou, entre outros títulos, Tierno verano de lujurias y azoteas (1993), a comedia de enredo Gran Slalom (1996), Sus ojos se cerraron y el mundo sigue andando (1997), Besos para todos (2000), El año del diluvio (2004), baseada na novela homónima de Eduardo Mendoza, e Camarón (2005), filme biográfico sobre o cantaor flamenco Camarón de la Isla.

Artigos relacionados

Back to top button