
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), e o presidente do Padroado da Fundación Aquae Querquennae- Via Nova, o profesfor Antonio R. Colmenero, veñen de asinar un convenio de colaboración que ten como obxecto regular a subvención nominativa de 50.000 euros, coa que contribuír nas intervencións previstas para o 2022 no complexo arqueolóxico, situado no encoro de As Conchas.
Aquae Querquennae Via Nova ten como obxecto protexer, estudar e promocionar o complexo arqueolóxico que lle dá nome, un antigo campamento militar romano que, a día de hoxe, ocupa parte do leito do encoro de As Conchas, zona de dominio público hidráulico, así como a calzada romana coñecida como Via Nova, que unía as urbes romanas de Bracara Augusta (Braga), en Portugal, con Asturica Augusta (Astorga), en León.
A fundación destinará o importe asignado este ano á exhumación e restauración da Porta Praetoria, localizada no flanco oriental do campamento, e que se prevé de similares características construtivas que a Porta Decumana, localizada na parte occidental do recinto militar, composta por dúas torres rectangulares que definen un único carril de entrada ao complexo arqueolóxico.
“Desde a Fundación solicitouse unha nova colaboración económica coa finalidade de continuar cos traballos de escavación e realizar unha intervención na paisaxe, tanto arbóreo como fluvial, que rodea o xacemento na zona contigua setentrional do encoro de As Conchas.” explicou o presidente da CHMS.
“A través deste investimento, o Estado contribúe a apoiar a recuperación do valioso patrimonio natural, cultural e arqueolóxico, situado no propio encoro, así como para efectuar o control de que as actuacións executadas cumpran coa normativa de Augas”, concluíu Quiroga.