En portadaÚltima hora

A comercialización turística no Xeodestino Manzaneda-Trevinca, analizada no Barco

O multiusos da vila acollía unha xornada formativa dirixida ao sector empresarial turístico dos municipios deste xeodestino

 

O Xeodestino Manzaneda-Trevinca continúa dando pasos. Na tarde deste luns 21 de xuño o salón de actos do edificio multiusos do Barco acollía unha “Xornada formativa sobre comercialización turística dirixida ao sector privado do Xeodestino Manzaneda-Trevinca”, impartida a través do Inorde. Na sesión participaban uns 18 representantes do sector turístico, fundamentalmente da comarca de Valdeorras: empresarios de turismo rural, da restauración, do sector enoturístico, adegas, representantes de axencias de viaxe, de apartamentos turísticos, de empresas de turismo de natureza e aventura, etc.

Os relatores da xornada eran o presidente da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia, ATREGA, e director de YuTravel, Jesús Ares, que conta con máis de 30 anos de experiencia no sector; e a vicepresidenta de ATREGA e CEO de Tee Travel, experta en comercialización do Camiño de Santiago, Mar Rodríguez.

 

 

Nas súas intervencións amosaban a importancia de empregar as canles de comercialización existentes para atraer a un maior número de visitantes a este destino do interior galego. Durante a xornada  abordáronse as diferentes canles e alternativas de comercialización que existen da cadea da valor do sector turístico, así como o papel que desenvolve a turoperación, as online travel agents, e as demandas e comportamentos dos clientes trala irrupción da pandemia.

Así mesmo, Mar Rodríguez, como experta na comercialización do Camiño de Santiago, analizou as posibilidades que ofrece o Camiño de Inverno como pulo de atracción de visitantes á zona, o perfil do peregrino, os aspectos que máis valoran e a importancia que ten estruturar experiencias turísticas que sirvan de complemento ao propio Camiño.

 

 

Ambos relatores como “teñen experiencia na xestión de grupos que pasaron por este xeodestino, a súa formación e visión contribuirá a facer unha análise sobre as súas fortalezas e debilidades, o que nos permitirá desenvolver unha estratexia conxunta de planificación do Xeodestino e afrontar os seus retos, tal e como poden ser a desestacionalización e o desenvolvemento de produtos sostibles competitivos”, explicou a xerente do Inorde, Emma González.

O programa finalizaba cun coloquio no que participaban tamén o alcalde do Barco, Alfredo García, e o concelleiro de Turismo baquense, Eladio Santos. “Foi dun debate dunha hora de duración, moi interesante e intenso, moi froitífero e con moitos contidos”, destacaba a termo da xornada Eladio Santos. “Notamos que hai moitas ganas de poñer este xeodestino en marcha, de que arranque definitivamente, os proxectos e as dinámicas están claras. E, polo de agora todos os pasos son positivos”, engade.

 

 

De xeito previo á formación, Jesús Ares e Mar Rodríguez, acompañados pola xerente do Inorde, reuníronse no Pazo Provincial co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Posteriormente, Emma González xunto ao alcalde e ao concelleiro de Turismo do Barco, Alfredo García e Eladio Santos, respectivamente, visitaron cos relatores recursos enoturísticos do territorio.

No outono, novas actividades

Unha vez pase o verán, a intención é facer un traballo de elaboración de contidos neste destino de cara a poder, xa e outubro, comezar con workshops e viaxes de familiarización e crear paquetes turísticos específicos, tal e como adianta o concelleiro de Turismo do Barco.

Os concellos que integran o xeodestino Manzaneda – Trevinca son os seguintes: A Pobra de Trives, A Veiga, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button