En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A D.O. Monterrei celebra os seus 25 anos de vida mirando ao futuro

O castelo de Monterrei acollía unha gala na que se homenaxeaba á adega, viticultor e catador máis antigos desta denominación

Con música que vén da terra e da tradición, como é a de Xabier Díaz e os irmáns Álvarez, comezaba na noite do 29 de xuño un acto moi especial para a Denominación Orixe Monterrei. Baixo a torre da homenaxe do Castelo de Monterrei, emblema deste organismo, festexaba o seu cuarto de século cunha gala titulada “25 anos ao noso lado” e na que, guiados por Silvia Jato, os case 300 asistentes facían un percorrido pola historia vitivinícola deste territorio.

Monterrei é a máis nova das cinco denominacións vitivinícolas galegas, sen embargo, a súa relación co viño vén de tempos remotos, tal e como revelan restos arqueolóxicos como a multitude de lagares rupestres deste territorio. Así o lembraba a súa presidenta, Lara Da Silva. “Son 2000 anos de historia que non debemos esquecer e que nos serviron para tomar impulso e evolucionar”. Citaba tamén aos 426 viticultores (dos seis concellos amparados: Verín, Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra, Riós e Vilardevós) e ás 26 adegas desta denominación, “mestres con maiúsculas dos viños de Monterrei. Sen todos vos isto non sería posible”, destacaba Da Silva antes de pedir un aplauso para eles.

Tamén se refería a presidenta aos vocais do pleno do consello regulador e “a todos os meus predecesores, homes e mulleres incansables que se deixaron a pel por situar a Monterrei no mapa internacional dos viños: Emilio Rodríguez, Bernabé Jiménez, Nicanor Payo, Antonio Ángel Méndez, Asunción Rodríguez e José Antonio Da Silva”. A súa intervención daba paso a unha serie de videos sobre a paisaxe e evolución da denominación, que se ían intercalando con discursos como o do alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, que lembraba como se xestaba a D.O., e coa entrega de premios.

O primeiro dos recoñecementos da noite era para o catador máis antigo da D.O., Juan Ramón Fuentes Lorenzo, quen compartía o premio cos seus compañeiros e recordaba o primeiro curso no que se formou, da man de Cástor Gago, e o último que impartíu, xunto a Luis Paadín.

A gala proseguía co discurso da deputada provincial Ana Villarino, para quen este acto era para “recordar o pasado e mirar ao futuro e tamén para recordar o gran traballo que se está a realizar no presente”. Destacaba que os viños de Monterrei “falan de nós e da nosa historia” e agradecía o labor de viticultores e adegueiros nestas dúas décadas. De seguido, entregábase o segundo premio da noite a Felisindo Prieto Arcos, viticultor de Albarellos que leva máis de trinta anos cultivando uvas. O homenaxeado, emocionado, agradecía o traballo “do CRDO e tamén dos viticultores, e espero que o sigan facendo tan bén e mellor se pode ser”.

 

A presidenta da D.O. Monterrei, Lara Da Silva, durante a súa intervención./ Foto: Carlos G. Hervella.

A continuación, e tras unha actuación musical de Xabier Díaz e os irmáns Álvarez, Lara Da Silva entregaba o recoñecemento á adega máis antiga da denominación: Ladairo, cuxo fundador José Luiz Vaz, falecía no 2017. En representación de Ladairo recollía e agradecía o galardón Bernardo Vilela.

Xa na recta final do acto tomaba a palabra a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen sinalaba como o comezo dos trámites en 1992 para lograr a denominación xeraba un “pequeno embrión, que hoxe deu os seus froitos”. Monterrei, dicía, “é a D.O. máis xove de Galicia, pero tamén a máis fresca, a máis áxil e que a está avanzando máis. Segue habendo moitos retos pero todos xuntos ídelo a conseguir”. E pedíalles que continuasen por esa liña.

Varias pezas de Xabier Díaz, entre elas unha copla da vendima, pechaban esta gala, que daba paso a unha degustación de viños e diversos petiscos no mesmo castelo de Monterrei.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button