
A vendima poñíase en marcha na Denominación de Orixe Ribeira Sacra o pasado 28 de agosto. Deste entón ata o día 12 de setembro recolléronse 224.773 quilos de uva. A maior parte corresponde a mencía con 110.487 quilos e godello con 75.640 quilos.
“Das 99 adegas que vendiman ao amparo da D.O. Ribeira Sacra nesta campaña, 18 están a realizar labores de vendima, 11 téñena paralizada e 2 xa terminaron. Polo tanto son 68 adegas as que aínda non iniciaron os traballos de recollida”, segundo se informa dende o CRDO Ribeira Sacra.
Ademais dende este organismo destacan que “a uva que está a entrar en adega presenta un estado sanitario óptimo e as condicións meteorolóxicas están a ser moi favorables. A previsión segue sendo superar os 7 millóns de quilos de uva nesta campaña”.