EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro inicia nesta semana a súa vendima 2023

Cedida.

 

A Denominación de Orixe Ribeiro comeza esta semana a súa vendima 2023, debido a que cinco adegas solicitaron inicio de vendima para poder recoller as uvas de maduración máis temperá, como é algún godello dalgunhas parcelas ubicadas en zonas baixas.

“As condicións climáticas deste ano fixeron que o arranque da vendima se adiantase uns días con respecto a anos anteriores. Tras o control en viñedo dos inspectores do C.R.D.O. Ribeiro, xa se percataron de que hai algunhas zonas e variedades de uva que se atopan nun excelente grao de maduración para poder comezar coa súa recolección”, tal e como indican dende este consello regulador.

Ademais augúrase que esta vendima será moi extensa no tempo, calcúlase que ata mediados de outubro, xa que aínda que se comece cedo con algunhas variedades de uva e parcelas específicas, hai outras variedades de máis serodias e zonas da comarca con gran altitude que precisan de moito máis tempo para lograr o seu punto óptimo de maduración.

Como previa á vendima e para dispoñer de datos realistas, o C.R.D.O. Ribeiro, como máximo competente no control e verificación da uva, organizou un operativo de inspeccións a través de auditorías nunha mostra representativa de viñedos rexistrados no Consello Regulador.

Dende mediados de xuño, como vén realizando nos últimos cinco anos, leváronse a cabo inspeccións de viñedo nas fincas de viticultores para valorar o estado no que se atopaban os viñedos. Nos últimos cinco anos realizáronse máis de 800 inspeccións, “o que permite ir facendo unha actualización permanente do rexistro vitícola e así ter ao día todos os datos dos viticultores, así como as súas fincas e variedades de uva”, destacan dende o consello regulador.

Artigos relacionados

Back to top button