A infraestrutura verde é un concepto que integra “a conectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático, asegurando a provisión sostible destes servizos e incrementando a resiliencia dos ecosistemas”.
Coa intención de poñer en práctia este concepto en Galicia o Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia (en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña) elabora unha Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia.
No marco deste proxecto estase a desenvolver un proceso de participación pública mediante encontros polas diferentes comarcas de Galicia. Na tarde do 29 de maio tiña lugar unha sesión deste tipo na Casa Grande Viloira (O Barco), destinada á veciñanza, organizacións e entidades dos nove concellos da comarca de Valdeorras.
“A finalidade da estratexia é a creación dunha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos. Trátase en definitiva de levar a cabo unha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental para asegurar a provisión de servizos de regulación (biodiversidade, adaptación e mitigación do cambio climático, fertilidade do solo, regulación hídrica, calidade do aire, control de inundacións e erosión, etc.), servizos de abastecemento (produción e seguridade alimentaria, abastecemento de auga e enerxía, etc.) e servizos culturais (ocio, benestar, saúde, paisaxe, etc.)”, indican os promotores da iniciativa.
A creación desta rede de espazos verdes proporcionaría “múltiples beneficios a través do soporte dunha economía verde, a mellora da calidade de vida, a protección da biodiversidade e o incremento da capacidade dos ecosistemas para proporcionar servizos como a redución do risco de desastres naturais, a purificación da auga, a calidade do aire, os espazos de ocio e a adaptación e mitigación do cambio climático”.
Na tarde do 30 de maio está previsto un novo encontro para dar a coñecer esta estratexia, desta volta na Casa do Concello de Trives ás 18h., na zona do Sil-Bibei-Navea: Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Montederramo, Parada do Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Teixeira, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.
Máis información:
infraestruturaverdegalicia.gal
Fotos: A.R.