En portadaEntrevistasÚltima hora

“A Festa da Vendima de Punxeiro (Viana do Bolo) conecta co espírito popular”

Pedro Basalo, filólogo vianés e investigador do "Entrudio" lerá o pregón desta celebración na tarde do 15 de outubro

Pedro Basalo Bembibre./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Da tradición vianesa, da cultura e das iniciativas que están xurdindo arredor dela, pero tamén do seu espírito festivo falará Pedro Basalo Bembibre no pregón co que abrirá o vindeiro sábado 15 de outubro a XIV Festa da Vendima- Ruta das Adegas de Punxeiro (Viana do Bolo). Este filólogo e investigador, centrado en gran medida no Entrudio. “Penso que foi por isto polo que me dan este recoñecemento”, explica. E, nese senso, lembra que nos seus inicios na investigación desta tradición foi clave a figura do estudoso vianés Juan Antonio Pinza. “Foi o primeiro que me contou era o Entrudio antigamente, é un entusiasta e ese entusiasmo contaxioumo e deume ganas de seguir investigando”.

Tamén agradece o apoio de dous medios na súa andaina como investigador desta festa ancestral: “o dixital Compostimes, que era dunha organización de estudantes de xornalismo, e foi aí onde publiquei o meu primeiro artigo” e o Periódico O SIL, “polas miñas publiacións no monográfico “Entroido en Galicia” que me animou a continuar publicando e dar a coñecer estas cuestións. Penso que ese monográfico é un referente e ten un mérito enorme”.

– ¿Como recibiches a noticia da túa escolla como pregoeiro da Festa da Vendima de Punxeiro?

Entre a alegría e a sorpresa de que te escollan. Para min supón un orgullo, máis que nada por iso que din de que ninguén é profeta na súa terra. Eu penso que a xente de Viana ten ganas de sentirse recoñecida. De feito cando vou dar charlas por aí sempre se achega despois a xente agradecéndome que trate e difunda cousas de Viana, pero eu penso que é o que hai que facer.

Quizais historicamente nunca tivemos moita proxección cara fóra nin altavoz, porén eu estou convencido de que temos un potencial considerable dende todos os puntos de vista: cultural, lingüístico… En Viana temos moitas cousas e hai que poñelas en valor.

– ¿Como vai ser o pregón?

Basicamente voume centrar nisto que comentaba, na importancia de pór en valor as cousas que nos contan, as cousas da casa, todo o que se fai xa que penso que en Viana hai moitas iniciativas pese a que somos un concello moi pequeno, de apenas 3.000 veciños. Eu vexo que hai ilusión e que ultimamente sempre que abres as redes sociais ou que che contan algo en Viana é porque se creou unha asociación, porque se fixo tal cousa, e iso eu creo que é un motivo de alegría porque nos mantén vivos como sociedade, como pobo.

A parte de deste recoñecemento, falarei un pouco do Entrudio, que intúo que é polo que se me recoñece e tamén vou deixar unha pequena reivindicación para as autoridades para que se comprometan en certos aspectos. É dicir, haberá unha parte reivindicativa para que as institucións tomen partido para axudarnos a mellorar certos aspectos do Entrudio que considero fundamentais e nos que entidades como concellos ou a Deputación poden colaborar activamente.

 

Foto cedida.

 

– Esta Festa da Vendima de Punxeiro tamén, en certo xeito, reivindica un pouco ese espírito popular…

Si, totalmente, e ademais hai unha cousa que probablemente tamén sairá no pregón, que é que a xente de Viana ten unha falicidade para facer amizade cos visitantes, sobre todo, con público que vén é xente á que lle gusta á aldea, a proximidade, a familiaridade e, de feito, moitas das persoas que nos visitan veñen porque nos coñeceu pola Mascarada, polo Entrudio. Pouco a pouco, eu diría que case é unha festa de amigos, de familia, porque as persoas de fóra que veñen sempre se senten integradas dende o momento un porque claro. E ese é un dos grandes alicientes de vir a esta festa. Como sucede no Entrudio, non é tanto o que facemos, senón como a xente se sente tratada, séntense como en casa e este é quizais o ingrediente máis importante para o éxito da festa, que conecta moito co espírito popular.

– Ademais a edición deste ano será especial, tras dous anos sen celebrarse por mor da pandemia.

Espérase con especial ilusión. De feito hai unha cousa moi bonita que me conta Jorge (Domíguez, membro da comisión de festas) que é que en Punxeiro, onde a maior parte da xente é maior, sempre consegue rodearse de alguén doutras zonas de Viana que lle vaia botar unha man, de alguén que colabore, é dicir, somos moi dados a colaborar e ese é un dos grandes valores de Viana.

Artigos relacionados

Back to top button