CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima horaVídeos

A impronta imborrable de Carlos Casares nos seus antigos alumnos vianeses

Baixo o título de "20 anos sen Carlos" o instituto de Viana do Bolo, que leva o nome deste escritor, acollía o 9 de xuño unha mesa redonda coa participación dos primeiros estudantes aos que deu clase en 1969 e dun compañeiro profesor

 

Viana do Bolo convertíase en 1969 no primeiro de destino de Carlos Casares Mouriño (1941-2002) como docente. Foi apenas un curso, pero deixaba unha impronta imborrable no seu alumnado e mesmo nos profesores cos que coincidiu. Así o explicaban con sumo agarimo eses antigos alumnos e compañeiros na mesa redonda “20 anos sen Carlos”, que se celebraba o 9 de xuño no salón de actos do instituto que hoxe leva o nome deste escritor en Viana do Bolo.

A iniciativa de xuntalos e de compartir esas vivencias persoais cos estudantes actuais do IES partía doutro vianés, o investigador Carlos Xabier Ares nunha conversa cun dos fillos de Casares, Håkan na casa do escritor. “Propúxenlle traer un acto deste tipo a Viana porque interesábame que o alumnado, e nós mesmos, fixeramos unha reflexión sobre que supuxo a figura de Carlos na súa chegada a Viana, naqueles anos e como ese alumnado recibe a unha persoa que vén de fóra cunha mentalidade tan aperturista, con outro xeito de ensinar, de pensar e de entender”, contaba ao inicio da mesa redonda.

 

 

A idea foi madurando e finalmente, coa implicación de diferentes persoas e entidades chegaba a materializarse neste mes de xuño cun acto para o alumnado, pero tamén aberto ao público para lembrar que “Carlos Casares que foi unha figura moi importante para o desenvolvemento educativo de toda unha xeración que hoxe está aquí porque en certo modo creceron cos valores que el lle transmitiu”, concluía Carlos Ares.

 

 

A mesa redonda, na que interviñan catro antigos alumnos vianeses de Casares e outro profesor naquel momento no centro, Juan Antonio Pinza, estaba moderada polo director do IES Carlos Casares, Carlos Ferreiro, quen lle daba paso, en primeiro lugar ao presidente da Fundación Carlos Casares e irmán do autor, Xabier Casares.  “Para Carlos Viana do Bolo e este centro escolar están escritos na súa biografía con letra moi grande, porque Viana foi o seu primeiro destino como profesor, el estreouse como profesor ensinándolle a mozos de aquí. Para el supuxo unha experiencia realmente importante e estaba moi contento do traballo realizado neste centro, que penso que en ningún momento pensou que algún día podería levar o seu nome”.

O presidente da Fundación tamén comentaba que foi asemade en Viana “onde recibiu o primeiro “pau” por defender os valores democráticos nunha etapa, nos anos 70, na que viviamos nunha ditadura e na que era mal vista unha persoa que se caracterizase por defender valores que nalquel momento eran perseguidos. Penso que se lle fixo unha estratexia de acoso e derribo dende o Concello de Viana, que deu resultado porque por medio desa campaña de acoso conseguiron que tivese que marcharse, e convenceron ao rector da Universidade de Santiago para que tivese que abandonar incluso Galicia”.

 

 

“Xerou un clima de excelente convivencia e de traballo”

Sen embargo, Carlos Casares non manifestou rancor fronte a esa negativa experiencia. Así o destacaba unha das súas alumnas, Azucena Gago. “Supoño que lle doería ter que irse, pero non o manifestou, porque tras casarse, no 74 volveu a Viana a ensinarnos á súa muller, e houbo un acto no que nos contou como coñecera a Cristina naquela viaxe de tren, pero non se lle vía acritude, nin dor, nin rancor, nin mencionou sequera que o obrigaran a marchar. Paréceme unha cousa importantísima”.

Felipe Gago, irmán de Azucena, poñía en contexto o momento histórico no que Carlos Casares chegaba como profesor a Viana, no que el estaba en cuarto de bacharel. “Xerou un clima excelente de convivencia e de traballo que se manifestaba tanto dentro como fóra do centro”. Incidía no agradables que facía as clases e recordaba “as cousas que aprendín con el”, así como o seu sorriso. “El non era de peroratas, senón máis ben de elipses”, engadía. Gago tamén consideraba unha “mágoa que non estivese para explicarnos as últimas leccións do programa e que deixo en elipse, sobre todo aquelas que falaban de oratoria”.

 

 

Os ex alumnos participantes neste acto describían a Casares como un docente e unha persoa “moi cercana, moi familiar”. E destacaban o seu xeito de dar clase e de incorporar ao conxunto dos estudantes á mesma. “El trataba de integrar a todos os alumnos e ganounos a todos”, resaltaba Tiberio Rodríguez, “a min marcoume a súa impronta no ensino e foi un dos principais causantes de que eu fixera maxisterio, teño del un recordo moi entrañable dunha persoa da que aprendín moitísimo en todos os sentidos, incluso na forma de ser e estar. Era moi avanzado pedagoxicamente”.

Para Ramona Gacía Casares supuxo “un sopro de aire fresco, era un profesor que nos falaba da universidade, que nos contaba anécdotas del, que nos facía ter amor á literatura”.

 

 

“Tiña un carácter aberto, coloquial, afable, era atento e respectuoso”

Dende outra perspectiva abordaba Juan Antonio Pinza a figura de Casares, de quen foi compañeiro como profesor en Viana. Contaba como, anos atrás, cando impartía clases en Ourense o xornalista Arturo Lezcano lle falaba dun mozo “que escribe teatro e vai ser un talento literario galego, que se chama Carlos Casares. Eu seguín desempeñando a docencia e volvín a Viana, e cando levaba dous anos, chegou Don Carlos como profesor e lembrei que era de quen me falara Arturo Lezcano, por suposto que foi unha gran honra para min compartir claustro con el, admireino e sigo admirándoo. Tiña un carácter aberto, coloquial, afable, respetaba aos que pensasen como el e aos que non pensaban como el, era atento e respectuoso”.

 

 

Pinza tamén incidía en que unha das súas preocupacións “era o futuro do noso idioma galego, el dicía que pasará co galego co tempo, menos mal que en Viana podemos presumir de que alguén colleu o testigo de Carlos Casares e temos a Concepción Álvarez Pousa e defendeu na súa tese de doutoramento o dialecto vianés”.

 

 

Finalmente interviña o concelleiro Abelardo Carballo, quen comentaba que el non foi alumno de Casares, xa que a súa familia emigrou, pero indicaba que o seu regreso si oíu falar da pegada que deixou en Viana. “Dende o Concello tamén queremos facerlle unha pequena homenaxe e imos traer unha pequena exposición de “Os Camiños de Carlos Casares” do 21 de setembro ao 21 de outubro, estará na Casa da Cultura e convídovos a que a vaiades a visitar”, dicía.

O acto completábase coa proxección de antigas fotografías dos alumnos vianeses con Carlos Casares que foron seleccionadas por Felipe Gago e que reflexaban ese ambiente de cercanía e convivencia que aínda lembran estes ex alumnos. Despois, o grupo de teatro do centro amosaba unha montaxe audiovisual, baseada en dous textos “Viana na lembranza” de Casares e unha carta que o autor lle escribía a Ramón Piñeiro.

“Resultou un acto moi emotivo e didáctico”, destacaba o seu principal promotor, Carlos X. Ares, quen facía fincapé ademais en que por vez primeira a fundación deste escritor recababa o punto de vista sobre Casares da man dos seus alumnos, sendo ademais os primeiros estudantes aos que deu clase na súa traxectoria docente.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button