En portadaSanidadeÚltima hora

A manifestación en defensa do Hospital de Valdeorras sairá da Casa Grande de Viloira o 28 de novembro ás 12h.

"Imos reclamar unha sanidade igual que calquera cidadán do resto de Galicia", aseguran dende a Xunta de Persoal deste centro sanitario

 

Os cidadáns do Distrito Sanitario de Valdeorras volvían concentrarse neste mércores ás 12h. pedindo que se recuperen os servizos perdidos no hospital do Barco, nun acto que vén convocado a Xunta de Persoal deste centro dende primeiros de outubro. No seu decurso, Víctor Pariente, membro da citada xunta de persoal, respondía ás declaracións que facía onte o delegado da Xunta en Ourense na súa visita a Larouco. “Veu dicir que a culpa desta situación é que non hai taxa de reposición. Eu explícovos o que significa a taxa de reposición: é a reposición do persoal que se xubila do Sergas ou doutras administracións. No 2012 a taxa de reposición en Sanidade fixouna o goberno central do PP no 70%, a día de hoxe está no 100%, iso xa se corrixiu no pasado 2016”.

Ademais, engadía Pariente, “no caso da Xunta, do Sergas, cando convoca as oposicións a taxa de reposición non é o 100% das persoas que se xubilan, senón aquelas que eles consideran que son necesarias. A taxa de reposición non se está cumprindo no 100%, pero tamén é certo que nos orzamentos non se contemplan prazas novas. Esa é a realidade”.

Con respecto á priorización dunha praza de traumatoloxía a nivel autonómico para o HPV e outra de rehabilitador, o represante da Xunta de Persoal incidía en que “a plantilla de traumatólogos é de catro e a de rehabilitarés é de tres, ou sexa que non solucionamos nada con iso”. E sobre as conversas da Xunta con responsables sanitarios de Castela e León, Pariente aseguraba que “en Castela e León non hai ningunha noticia deste asunto”.

No decurso desta concentración facíanse públicos o horario e o percorrido da manifestación prevista para finais de novembro. “A manifestación do 28 de novembro segue adiante e imos seguir reclamando unha sanidade igual que calquera cidadán do resto de Galicia, nin máis nin menos. Comezar ás 12h. con saída da Casa Grande de Viloira e acabará diante do hospital”, indicaba Pariente.

Así mesmo, daba a coñecer que a Xunta de Persoal tomaba onte a decisión de levar unha única pancarta abrindo a marcha. “Para todas aquelas organizacións que poidan estar presentes, ou partidos políticos, onte na reunión da xunta de persoal decidimos só levar pancarta de cabeceira”.

Fotos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button